NOTICIA

----

A institución presenta en Bruxelas o seu programa de acción exterior

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia este luns unha visita institucional a Bruxelas na que realizará diferentes reunións con responsables de institucións comunitarias e europeas para impulsar o programa de acción exterior do CCG. As xuntanzas están acompañadas dun programa cultural que contribuirá á visibilización da cultura galega na capital europea. As actividades enmárcanse dentro do Plan de Acción Exterior que ten o Consello da Cultura Galega promovido pola Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE).

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, iniciará a súa axenda o luns cunha xuntanza con Catherine Magnant, directora adxunta e xefa do Departamento de Política Cultural da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea.
No marco desta viaxe reunirase tamén cos responsables do Centre Maurits Coppieters-Alianza Libre Europea; con Francisco Millán Mon, presidente do Intergrupo "Herdanza Cultural Europea, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas". Ademais, na Fundación Galicia Europa participará nun encontro co Director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, e coa directora da oficina, Ana Ramos.

No marco desta visita institucional, están programadas unha serie de actividades culturais na capital europea que terán lugar na sede do instituto Cervantes. O mesmo luns proxectarase o filme Nación de Margarita Ledo, que vira acompañado dun coloquio da directora con Natalia Sancha, xornalista El País.

O martes 29 desenvolverase a mesa redonda “A identidade cultural galega” arredor do libro “Terre de Galice: histoire d un finistère européen”, na que participan Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG; Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e autor do libro; Serafín Pazos Vidal, responsable da Brussels Office de Convention of Scottish Local Authorities (COSLA) e Christiane Stallaert, profesora de Estudios hispánicos e latinoamericanos e comunicación intercultural na Universidade de Antwerp.

Plan de Acción Exterior
A visita institucional do Consello da Cultura Galega en Bruxelas é unha das acción previstas no novo programa de acción exterior aprobado polo Plenario da institución en 2021. Está promovido desde a Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE), que coordina Xulio Ríos e busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais dos cidadáns galegos e galegas, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes. Este proxecto está baseado en cinco obxectivos estratéxicos e conta con máis dun centenar de actuacións e accións programadas para desenvolver nos próximos dous anos.

Comision de Acción Exterior e Relacións Insitucionais
A Comisión Técnica de Relacións Institucionais e Acción Exterior está coordinada por Xulio Ríos e ten entre os seus membros a José Manuel Blanco González, Pilar Cagiao, David M. Clark, Rui Farías, Emilia Daría, Valéria Gil Conde, Laura Movilla, Cristina Pato e Serafín Pazos Vidal. Entre as súas últimas accións está a organización da xornada “Axentes culturais e proxección internacional da nosa cultura que buscaba analizar a situación actual da diplomacia cultural e a importancia que ten para a proxección e desenvolvemento exterior da nosa cultura, así como dar a coñecer a lei de acción exterior de Galicia aprobada hai un ano e que faculta ao CCG a desenvolver accións neste eido.