NOTICIA

----

O segundo capítulo do proxecto Aquí medra a lingua amosa o modelo lingüístico do CPI da Saleta de Cea

O proxecto Aquí medra a lingua, serieweb do Consello da Cultura Galega para dar a coñecer iniciativas de dinamización lingüística na escola, engade este luns o segundo dos capítulos. Titúlase Reforzar o propio e céntrase na experiencia do CPI Virxe da Saleta de Cea, centro integrado que xunta alumnos de infantil e da ESO. Escape rooms, bandas deseñadas, títeres, curtametraxes... son moitas e moi variadas as iniciativas que se fan neste centro que xuntou escola e comunidade e tivo iniciativas tan sonadas coma “A lingua sabe a pan”.




O 2010 foi un ano importante para o CPI Virxe da Saleta de Cea. Un incendio destruíu parte das súas instalacións e a reconstrución foi moito máis alá que o simple edificio. Imprimíronlle un cambio de rumbo no proxecto educativo incorporando máis actividades, integrando a comunidade e todo isto en galego. Como centro integrado, a rapazada está no colexio dende 4º de Infantil ata 4º da ESO, e todos eles motivan ao profesorado que chega ao centro a falar en galego. De feito, algúns dos alumnos e exalumnos que participan no vídeo aseguran que “O que me gusta de Cea é que todos os que vimos aquí temos que falar en galego” ou “a min o normativo non me gusta, para min son irmás non irmáns son maos e non son mans”.

Alejandro Pico, Alejandro Fernández, Santiago Rodríguez Rodríguez, Andrea Garriga Muñoz, Sandra Pérez Vilas, Francisco M. Paradelo, Carolina Blanco, Maite López Losada e David González son os participantes no segundo dos capítulos deste proxecto, dirixido por Cristina de la Torre.

O proxecto
Aquí medra a lingua é un proxecto deseñado pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación que coordina Carme Garcia Mateo, que busca amosar que as escolas son un cómplice indispensable na lingua galega e da súa transmisión. As diferentes iniciativas están contadas polos seus propios protagonistas que ofrecen un relato fiel dos proxectos que se están a desenvolver en diferentes centros de toda Galicia. Esta viaxe audiovisual, dirixida pola valdeorresa Cristina de la Torre, está estruturada en seis capítulos que arrincan hoxe O modelo Burela, e que se irán subindo semanalente xunto cunha ficha descritiva de cada centro a un especial do web do Consello da Cultura Galega.

Comezou o 21 de marzo co IES O Perdouro de Burela e logo seguirán no IES Félix Muriel de Rianxo (4 de abril), no CEIP Barouta de Ames (11 de abril) e no CRA Nosa Señora de Ponteceso (18 de abril) para rematar o 25 de abril no CEIP Quintela de Moaña. Son seis centros que están espallados por toda a xeografía galega, que amosan as diferentes accións de cada centro en prol da lingua, coas dificultades e vantaxes de cada caso. Ao remate, todas esas visións xuntaranse nun documental único que condensa todo o material e que ofrece unha visión realista sobre o galego na escola.

A realizadora
Cristina de la Torre (1977, A Rúa-Ourense) é licenciada en Historia, con Máster en Medios de Comunicación. Ten traballado en prensa escrita, radio e televisión como xornalista. Dende hai uns anos dedícase á consultoría de comunicación e a produción audiovisual. No 2007 dirixiu o seu primeiro documental Apartado 12, e no 2016 estreou Santoalla, documental do que é produtora. Realiza contidos corporativos e proxectos audiovisuais con centros educativos como A lus do Mundo. No 2014 comisariou a exposición Unha ínsua para Díaz Castro, na Deputación de Lugo, e desde o 2017 realiza proxectos de dinamización cultural como Pantasmas de Oza, Manuel Jorge, un pintor libre, Vidas Mariñeiras ou Valdeorras Infinda. O ano pasado xa colaborou co CCG coa realización da curtametraxe documental Falan Elas. Tres xeracións de mulleres trans de Galicia.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Aquí medra a lingua é unha actividade proposta pola Sección de Lingua, Literatura e comunicación do Consello da Cultura Galega. Unha área coordinada por Carme García Mateo e que ten entre os seus membros a Elisa Fernández Rei, Víctor Freixanes, Henrique Monteagudo, Eva Sánchez, Nel Vidal, Renée de Palma, Burghard Balstrusch, Carlos Pereiro e Pablo Romero.