NOTICIA

----

Unha xornada revisa o papel da muller nos movementos sociais contra as ditaduras

Mobilizadoras, reformadoras, revolucionarias de aquí e de alá. Unha perspectiva atlántica é o título da xornada coa que o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), pertencente ao Consello da Cultura Galega (CCG), atende este xoves 31 ao papel que as mulleres realizaron na década dos setenta do século pasado contra as ditaduras. María Xosé Porteiro e Luz Darriba coordinan esta cita na que participan destacadas especialistas de Galicia, Portugal e América Latina. A presidenta, Rosario Álvarez, é a encargada de inaugurar esta cita presencial que tamén se pode seguir en directo desde a web e as redes sociais da institución.

A xornada está encamiñada a analizar, desde a perspectiva galega, o papel que as mulleres de Galicia, Portugal e América Latina desenvolveron nos movementos de liberación, enfrontamentos armados, loitas sindicais, ou conflitos sociais por mor das ditaduras nas que vivían. Parte do feito que as referencias á participación de mulleres nas loitas contra as ditaduras son escasas por mor da invisibilidade que se dá en todas as disciplinas. Ademais, encaixa nunha liña de traballo da institución deste 2022 que busca atender ao contexto social, cultural e histórico previo á creación da autonomía.

O programa
Luz Darriba e María Xosé Porteiro son as encargadas de ofrecer dúas intervencións tituladas “Involucradas nos procesos de transformación democrática” nas que describen o papel das mulleres no contextos nos que se producen estas accións. Despois darán paso a diferentes especialistas que analizarán as situación concretas de diferentes países.
O caso galego chega da man das historiadoras Raquel Fernández Reguera, e Ana Cabana. O relatorio da primeira titúlase “O movemento feminista organizado galego no tardofranquismo e na transición (fondos documentais do CDIF-CCG)”, mentres que o da segunda é “Mulleres e conflitividade rural na Galicia da transición cara á democracia”.

A realidade Arxentina estará presente na intervención que Micaela Fernández Darriba, experta en comunicación e organizacións feministas latinoamericanas, ofrecerá por videoconferencia co título “Cruzamentos e relecturas: as mulleres galegas e a súa participación na historia e a política da Arxentina moderna”.

A directora, guionista e produtora, Manane Rodríguez ofrecerá unha visión sobre Uruguai. E de América latina en xeral falará, tamén por videoconferencia, Antonia Ángela Yáñez Barros, docente de Literatura e ex-presa política da dictadura en Uruguai.

A sesión pecha co caso de Portugal, que nos chega da man da profesora da Universidade do Porto, Ana Sofía Ferreira, cun relatorio titulado “Mulleres en loita: a participación das mulleres nos movementos sociais do proceso revolucionario portugués (1974-1976)”.