NOTICIA

----

Boa acollida en Bruxelas da visita institucional do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) rematou no serán deste martes unha viaxe institucional de dous días na que contribuíu a unha maior visibilización da súa acción e da cultura galega na capital europea. Mantivéronse xuntanzas con responsables de diferentes institucións europeas que se traducirán nos vindeiros meses en accións encamiñadas a promover a cultura galega no exterior. Ademais, o programa cultural, desenvolvido na sede do Instituto Cervantes, contou cunha gran acollida de público.

A visita tiña un carácter institucional encamiñado a estreitar lazos con institucións europeas de diferente índole. A valoración de todas as xuntanzas foi moi positiva tanto pola boa receptividade, en diálogo aberto, con información e suxestións moi interesantes, ademais de contactos que axudarán a perfilar o programa de acción exterior con e para Europa que a institución desenvolverá nos próximos anos.
Nestes dous días, unha comitiva formada pola presidenta da institución, Rosario Álvarez; o vicepresidente, Xosé M. Núñez Seixas e a responsable de Acción Exterior, Emilia García; reuniuse con Catherine Magnant, directora adxunta e xefa do Departamento de Política Cultural da Dirección Xeral de Educación e Cultura da Comisión Europea; con Ignasi Centelles e Michela Bramardi da Foundation Coppieters, fundación política europea fundada que desenvolve actividade co apoio económico do Parlamento Europeo e os seus membros; con Francisco Millán Mon, presidente do Intergrupo "Herdanza Cultural Europea, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas"; e tamén con Jesús Gamallo, director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, máis coa directora da oficina Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.

Ademais, a viaxe contaba, en cumprimento do mandato fundacional da institución, cun programa cultural encamiñado a promover e dar a coñecer a cultura galega. As dúas actividades programadas (a proxección e coloquio de Nación de Margarita Ledo, máis a mesa redonda de debate sobre a identidade galega con destacados especialistas a partir da versión francesa do libro de Ramón Villares) gozaron dunha boa recepción tanto pola cantidade de público asistente como polo interese e a boa resposta deste. Ambas as dúas desenvolvéronse na sede do Instituto Cervantes, parceiro da institución na liña de visibilización do carácter plurilingüe e pluricultural do estado.

Plan de Acción Exterior
A visita institucional do Consello da Cultura Galega en Bruxelas era unha das acción que figuraban no novo programa de acción exterior aprobado polo Plenario da institución en 2021. Este proxecto pretende dar continuidade a todo o traballo anterior da institución e marcar novos retos. Está promovido desde a Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE) e busca actuar na internacionalización da cultura galega, en atención aos dereitos culturais dos cidadáns galegos e galegas, pero tamén en proxectar a cultura galega fóra das comunidades de emigrantes. Está baseado en cinco obxectivos estratéxicos e conta con máis dun centenar de actuacións e accións programadas para desenvolver nos próximos anos.

Comision de Acción Exterior e Relacións Insitucionais
A Comisión Técnica de Relacións Institucionais e Acción Exterior está coordinada por Xulio Ríos e ten entre os seus membros a José Manuel Blanco González, Pilar Cagiao, David M. Clark, Rui Farías, Emilia García, Valéria Gil Conde, Laura Movilla, Cristina Pato e Serafín Pazos Vidal. Entre as súas últimas actividades está a organización da xornada “Axentes culturais e proxección internacional da nosa cultura que buscaba analizar a situación actual da diplomacia cultural e a importancia que ten para a proxección e desenvolvemento exterior da nosa cultura, así como dar a coñecer a lei de acción exterior de Galicia aprobada hai un ano e que faculta ao CCG a desenvolver accións neste eido.