O Consello da Cultura Galega afondará nos exilios a partir de Florencio Delgado Gurriarán

A secretaria do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, participou na presentación da programación do Día das Letras Galegas. O CCG analizará os exilios tomando como base a da figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nesta ocasión do Día das Letras Galegas. “Os exilios provocados polas guerras seguen a ser unha realidade que non mudou” puntualizou Vilavedra ao tempo que explicou que este estudo permitirá coñecer “un exilio que non é moi visible por non ser un destino moi numeroso, como é o exilio mexicano, pero que á luz das súas achegas foi moi rico intelectualmente”. Un espazo web, a reedición facsimilar Cancioneiro da loita galega con estudo crítico de Xesús Alonso Montero e notas de Ricardo Gurriarán, así como o tradicional Concerto das Letras Galegas a cargo do grupo Zoar centran a programación do CCG que se estenderá máis alá do 17 de maio.
O Consello da Cultura Galega afondará nos exilios a partir de Florencio Delgado Gurriarán

O ano de Florencio Delgado Gurriarán arrincou para o Consello da Cultura Galega o pasado 5 de xaneiro, cando se publicou a entrada que Xosé Ramón Fandiño preparou para o Álbum de Galicia sobre o poeta e avogado. Desde entón, o CCG presentou ao público un espazo web que que acubilla toda a información desenvolvida ou promovida pola institución arredor da figura de Florencio Delgado Gurriarán. Inclúe a súa biografía, audios, audiovisuais e outros materiais. Entre eles destaca un dos poucos rexistros sonoros coñecidos de Florencio Delgado Gurriarán. É unha entrevista que lle realizaron no marco dun monográfico do programa radiofónico Poetas de Galicia de Radio Nacional de España no que o autor repasa a súa poesía e a súa vida en América. Nela tanto os locutores como o propio poeta, realizaron recitados dalgunhas das súas composicións máis coñecidas.

O próximo acto programado será a presentación da edición de Cancioneiro da loita galega, obra que Gurriarán editou e na escribiu numerosos poemas con pseudónimo. Conta cun estudo introdutorio de Xesús Alonso Montero e notas de Ricardo Gurriarán, sobriño do homenaxeado. Inclúe o facsímile da publicación e documentación sobre o proceso de edición do libro editado en México polo Partido Galeguista en 1943.

A actividade central da institución é o Concerto das Letras Galegas, que terá lugar no teatro de Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, localidade de nacemento do autor. Nesta ocasión será o grupo Zoar quen interpretará diferentes composicións de músicos galegos exiliados. Como vén sendo habitual, en cada Concerto das Letras Galegas prodúcese a estrea absoluta dunha peza que o CCG encarga expresamente en relación coa figura homenaxeada. Neste 2022 estrearase a obra Diásporas, para voz e quinteto, composta por Carme Rodríguez sobre textos de Florencio Delgado Gurriarán.
No vindeiro mes de xuño, o CCG realizará na llla de San Simón un congreso que leva por título “Legados dende a dislocación: Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil”. Destacados especialistas afondarán sobre a importancia do exilio na creación de identidades, na que se estudarán o exilio republicano en México e a figura de Florencio Delgado Gurriarán.

O Consello da Cultura Galega deu a coñecer a súa programación no marco da presentación conxunta que todas as entidades públicas e privadas relacionadas coa cultura galega realizaron no Hall dos Tirantes do Museo Gaiás coa presenza do Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que valorou a celebracion das letras para “por en valor, promocionar e divulgar e que tamen é un acto de recoñecemento da nosa lingua e da nosa cultura e que ten unha gran capacidade de vertebrar a sociedade”.