A nova sesión dos Encontros Monográficos do Patrimonio Cultural busca afondar no concepto da prevención no que ten que ver co noso patrimonio. Rosa Benavides é coordinadora deste encontro, que suma xa 36 xornadas, e tamén a encargada da conferencia marco que centrará o tema. Nela fai unha revisión desde a adopción internacional do termo ata a elaboración do Plan Nacional de Conservación Preventiva.
Despois, seguiranlle tres relatorios. O primeiro, a cago do museólogo, historiador e arqueólogo Felipe Arias que falará dos criterios de Conservación Preventiva no Patrimonio Cultural. O segundo, pola investigadora da Rede de Estudos Medievais da USC, Carolina Casal Chico, que falará do patrimonio xestionado pola Igrexa e, por último, Juan Carlos Castro Carrera analizará o patrimonio xestionado polos concellos. Como peche, todos os participantes participarán nunha mesa redonda á que se sumarán Rebeca Blanco-Rotea e Iago Seara e que permitirán completar unha visión global da situación da conservación en materia do noso patrimonio no noso país.
Antecedentes
Esta sesión súmase a outras citas que abordaron o tema na nosa comunidade. Tal e como detalle o programa da xornada, Vigo acolleu en 1996 o Coloquio Internacional sobre a Conservación Preventiva de Bens Culturais, froito da colaboración do Museo Quiñones de León, o Comité Español do ICOM e a Universidade de Vigo. Nel analizáronse experiencias e resultados en varias institucións e países e participaron relatores que foron pioneiros desta práctica no noso país, como Benoit de Tapol. Tamén a Xunta de Galicia tivo a súa representación na figura de Bieito Pérez Outeiriño, naquel momento subdirector xeral do chamado Instituto de Conservación e Restauración de Bens Culturais. E no ano 2000 tivo lugar na Coruña o VI Coloquio Galego de Museos dedicado á conservación preventiva.
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretende poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo desta sección que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores deste ciclo.
Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución que está coordinada por Rebeca Blanco Rotea. Esta sección está composta por profesionais como Nieves Amado, Carlos Amoedo, Rosa Benavides, Ana Estévez, Olimpia López, Daniel Lorenzo, Juan Monterroso, Ángeles Penas, Francisco Xabier Redondo, Cristina Sánchez-Carrretero, Iago Seara, Luisa Serrano e Hortensio Sobrado.