NOTICIA

----

Unha xornada analiza a cultura local na democracia

“Políticas culturais municipais. 40 anos despois” é o título da xornada coa que a Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais Comisión do Consello da Cultura Galega (CCG) pretende facer balance da cultura a nivel local na democracia. A xornada contará coa presenza de expertos no ámbito municipal e na xestión cultural como Héctor Pose, Carlos Lorenzo ou Claudia Leite, coordinadora da candidatura á Capitalidade Cultural Europea da cidade de Braga. A cita, que se desenvolverá o vindeiro 22 de abril, ten aberta a inscrición.

Coñecer a cultura de proximidade nos últimos corenta anos é o principal cometido desta cita coordinada por Alberto García. O programa da sesión artéllase en tres bloques encamiñados a estudar o pasado, presente e o futuro da cultura local.

Héctor Pose, profesor da UDC e investigador cultural, será o encargado de abrir a cita cun relatorio titulado “Políticas culturais municipais nos 40 anos de autonomía e retos de futuro”. Para escudriñar o presente, unha mesa redonda moderada por Dolores Vilavedra, coordinadora da Comisión Técnica, servirá para poñer sobre a mesa experiencias actuais. Nela, Carlos Lorenzo, técnico de Cultura e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, falará do sistema de avaliación da política teatral no concello de Carral; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña, abordará o desenvolvemento local no concello de Carballo; Luis Bará, exconcelleiro en Pontevedra e exdirector xeral de Cultura da Xunta explicará o como se deseñou o modelo Pontevedra. Por último intervirá a portuguesa Cláudia Leite, que explicará o proceso da candidatura á Capitalidade Cultural Europea de Braga.

A sesión de mañá remata cun obradoiro práctico sobre cultura sustentable guiado por Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo, no se que explicará como se aplican os criterios da Axenda 2030. Esta axenda, e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) son un referente ético e operativo que debe inspirar a acción de todos os gobernos e da propia cidadanía. A xornada conta cunha sesión de tarde, previa solicitude, con Cláudia Leite.

Comisión técnica temporal de Xestión e Políticas Culturais
Esta é unha actividade da Comisión Técnica Temporal de Xestion e Políticas Culturais, coordinada por Dolores Vilavedra e composta por membros como Xavier Campos, Marián Fernández, Marcos Lorenzo, Alberto García ou Agar Ledo. Entre as súas actividades recentes está o ciclo “Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19”, as “Xornadas de mediación cultural” ou “Filmotecas e patrimonio audiovisual”.