NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar polo pasamento de Ramón Castromil

No serán deste martes finaba en Santiago de Compostela o pianista, empresario e político Ramón Castromil. O Consello da Cultura Galega expresa o seu fondo pesar de quen foi membro do seu Plenario entre 1993 e o 2006 e vicepresidente entre 1998 e 2006.

Castromil foi un pianista de renome, discípulo de Ángel Brage, Carlo Zecchi e Guido Agosti, tocou coas principais orquestras españolas e europeas. Foi presidente da empresa Castromil, que fundara o seu avó a comezos do século XX, onde trasladou a súa paixón pola arte. Foi por iso que os autobuses da súa empresa levaron nomes de personaxes galegos, impulsou iniciativas editoriais como os "Contos do Castromil" converténdose en referente da cultura e da galeguización do mundo empresarial. Tivo unha breve incursión política, foi elixido deputado por Alianza Popular nas primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia (1981-1985) e durante eses anos foi secretario xeral deste partido en Galicia.

Na súa etapa no Consello da Cultura Galega foi coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas e director do Arquivo Sonoro de Galicia desde onde impulsou numerosas iniciativas. Destaca a recuperación o legado musical de Pepito Arriola (1985-1954), neno prodixio e talento mundialmente recoñecido e esquecido ao final dos seus días. A publicación supuxo un importante labor de recuperación da obra inédita atopada casualmente en Galicia, logo de que ardese o seu estudo en Berlín. Ademais, promoveu a realización dun informe arredor da posible creación dos centros integrados de música en Galicia.

Recibiu numerosos galardóns, entre eles o premio Pedrón de Ouro (1992), o San Martiño de Normalización Lingüística, o da Critica Galicia no apartado de iniciativas culturais (1993) e o Premio das Letras e das Artes de Galicia en 2005.