Remata a emisión dos podcast de A camisa, a adaptación sonora da premiada obra de Lauro Olmo

O Consello da Cultura Galega e o concello do Barco de Valdeorras rematan hoxe a difusión do proxecto A camisa, a adaptación sonora do texto dramático escrito por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) que retrata o drama da emigración e do exilio. A ficción en formato podcast foi feita por A quinta do Cuadrante, con dirección de Tito Asorey, a partir da tradución que Ramón de Valenzuela fixo do texto orixinal. Este proxecto serviu para conmemorar o centenario do nacemento de Lauro Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza.

Chegou o día no que Lola abandonará o seu fogar para iniciar unha nova vida como emigrante. Xan debátese entre despedir á súa muller, ou deixala ir sen dicirlle adeus, xa que desaproba a súa decisión. A súa sogra tenta convencelo de que non a deixe marchar sen unhas palabras de alento e cariño, pero a cousa non parece sinxela…mentres, os seis veciños celebran unha grande festa para celebrar o premio que lle tocou a Lolo na Lotería. Semella que só unha milagre como esta pode mellorar a vida dos habitantes desta empobrecida. Este é o argumento do último capítulo, que pecha a adaptación desta peza recoñecida co Premio Nacional de Teatro en 1962.

Un drama en cinco capítulos
Xan e Lola son un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Loliña e Agostiño, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Malia a súa camisa nova, Xan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio. A peza dramática escrita polo valdeorrés Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.
A adaptación sonora divide a historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración que se emiten cada venres. Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.

Unha aposta polo teatro en galego
Na adaptación en formato podcast de A camisa xúntanse varios feitos destacados. O primeiro deles é que se trata dun texto relevante para descubrir o drama da emigración, que sufriu o propio Lauro Olmo, xa que seu pai emigrou a Bos Aires, o que fixo que a súa familia se instalase en Madrid sendo el moi novo. Olmo está considerado un dos dramaturgos máis representativos do Realismo Social durante os anos da ditadura franquista e das primeiras décadas da democracia. Tivo grande influencia nel a súa muller, Pilar Enciso, coa que escribiu varias obras infantís. A obra literaria dos dous, así como a documentación recibida e producida por eles, custódiase no Fondo Lauro Olmo do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música (CDAEM).

O segundo é que Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980) é autor da tradución da que se partiu neste proxecto. O silledense representa tamén a memoria do exilio, unha das liñas de traballo do CCG para este 2022. Valenzuela foi un deses homes que contribuíron cun teatro en galego diferente, no que fixo tanto achegas actorais, como orixinais da súa propia autoría, é o caso da peza teatral As bágoas do demo, ou a tradución de textos de interese por exemplo os de Lauro Olmo ou Syngel.

Outras noticias que che poden interesar