NOTICIA

----

O Barómetro da cultura galega destaca o inicio da recuperación do sector

A maioría das empresas da cultura galega xa se recuperaron da crise do coronavirus. O 43% das entidades consultadas aumentaron no último ano a súa facturación ou orzamento e a súa expectativa de crecemento para este ano é moi positiva. Con todo, o sector notou o incremento dos prezos das subministracións que precisan para a súa produción e prevé un encarecemento no sector da edición, artes visuais, teatro e danza. O Barómetro da cultura 2022, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG) foi presentado en rolda de prensa pola presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o coordinador do Observatorio, Hakan Casares. O documento amosa a estabilidade empresarial, con grande equilibrio entre homes e mulleres e no que o 47,9% das entidades conseguiu unha subvención. O 21% afirmou realizar accións dirixidas ao público internacional e un 66% acometeu algunha actuación encamiñada á transformación dixital. Ademais, preto do 70% das empresas e entidades culturais prevé que non notará os efectos do Xacobeo 2021-22. Con todo, o Xacobeo, o Camiño de Santiago e as Tanxugueiras percíbense como as accións culturais máis destacadas do último ano.
O <em>Barómetro da cultura galega</em> destaca o inicio da recuperación do sector

O informe parte dunha ampla enquisa realizada a 902 representantes de entidades (empresas, asociacións, fundacións, administracións públicas...). O sector está maioritariamente conformado por entidades relacionadas coas artes visuais (pintura, escultura, fotografía, arquitectura, publicidade e deseño, principalmente), seguido do sector audiovisual (cun 14,9% das entidades) e de empresas dedicadas á educación cultural, formado por academias, escolas de música... (cun 10,4%). O 70% son empresas, as administracións públicas o 15,3% e as entidades sen ánimo de lucro o 14,6%. Ademais, o documento amosa que as empresas da cultura son pequenas: o 65,5% ten menos de cinco empregados e o 57,4% e factura menos de 150.000 euros e están situadas na súa maioría (o 61,7%) nas cidades galegas.

A evolución do sector
A partir dos datos obtidos polos tres barómetros anteriores, o Observatorio da Cultura Galega pode ver a evolución e afirmar que a maioría das entidades da cultura xa se recuperaron en termos de facturación ou orzamento (ou prevén recuperase en 2022) dos efectos da crise do coronavirus, incluído o 30,4% que nunca viu reducido os seus ingresos. Con todo, un terzo non pensa recuperarse ata 2023 ou máis tarde, polo que para estas entidades os efectos son severos. As entidades máis pequenas e as actividades relacionadas coas artes escénicas e musicais e as artes gráficas teñen máis dificultades para recuperarse das consecuencias da pandemia.
O 43% das empresas consultadas aumentou en 2021 respecto de 2020 a facturación (no caso das empresas) ou o orzamento (no caso das entidades sen ánimo de lucro e as administracións) e un 51% prevé que aínda sigan crecendo en 2022. Destaca tamén que un terzo estima unha situación de estabilidade. Se o 48% declaraba moi positivo o 2021, o 66,7% percibe que este será un ano mellor ou moito mellor para a cultura que o anterior.

A internacionalización e a dixitalización
Unicamente un 21,1% das entidades da cultura realizou algunha actividade específica dirixida a incrementar a súa notoriedade ou difusión no mercado internacional, destacando as entidades sen ánimo de lucro. Aínda son menos as entidades que destinan a metade ou máis da súa produción ao exterior, cun escaso 4,8%. En termos globais, as entidades máis orientadas ao mercado exterior son as relacionadas co audiovisual.

Con respecto á dixitalización, o 66,2% das entidades levou a cabo algunha acción relacionada coa publicidade e a comunicación dixital (incluídas as redes sociais) e un 50,3% prevé a produción, creación ou venda de contidos dixitais. O ámbito onde se concentran menos esforzos é o da formación do persoal. Os investimentos en dixitalización son maiores na Administración e nas entidades sen ánimo de lucro que nas empresas e destacan entre as entidades máis grandes, especialmente as que ingresan mais de 500.000 euros. Tamén se detectou un esforzo recente importante en materia de dixitalización entre as entidades dedicadas á educación cultural, quizás efecto da crise sanitaria.

O efecto Xacobeo
O 26,8% do persoal directivo indica que as accións ligadas ao Xacobeo en 2021 tiveron un efecto na súa entidade e un 29,1 espera un impacto tamén positivo en 2022. Pero 7 de cada 10 entidades que participaron no estudo recoñecen que non perciben ningún efecto.
Son as administracións públicas e as actividades relacionadas co patrimonio cultural así como as entidades vinculadas ao audiovisual e ao teatro, danza, e espectáculos as que valoraron máis positivamente o efecto Xacobeo. E se atendemos ao volume económico, o Barómetro revela que a mellor valoración se corresponde coas empresas cun maior nivel de facturación.

Os grandes eventos
O informe contén tamén unha clasificación das accións e eventos culturais máis destacados da cultura galega de 2021: encabezan os actos vencellados ao Xacobeo e ao Camiño de Santiago, seguidos da volta dos festivais musicais en 2021. A candidatura das Tanxugueiras a Eurovisión é a terceira acción máis destacada. Séguenlle as candidaturas galegas nos Goya, o Culturgal e o Son do Camiño. Despois, tres exposicións: Faraón, Rei de Exipto, Peter Lindbergh. Untold Stories e As miradas de Isaac.