O indiano José García Barbón é un dos ilustres filántropos que deixou a emigración galega. A entrega número 18 do especial Historias de Ida e Volta, documenta a acción desenvolvida por este emigrante que fixo fortuna en Cuba que quixo contribuír ao desenvolvemento da sociedade e da cultura galega nas dúas beiras do Atlántico.
En Cuba participou na primeira comisión directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia (1872) e foi socio impulsor da fundación do Centro Galego da Habana. Os historiadores relatan que obtivo notable recoñecemento na organización masónica cubana e que sempre estaba pendente dos máis necesitados e axudaba aos paisanos e paisanas que atravesaban crúas e penosas situacións.
Na súa volta a Galicia desenvolveu numerosas accións, tanto en Verín onde se instalou primeiro, como en Vigo, a onde se trasladaría en 1894. O Colexio San José de Verín, unha ponte, a reconstrución da igrexa parroquial e do santuario dos Remedios así como a construción do Hotel Balneario de Cabreiroá son obra da súa acción. Pouco amigo dos recoñecementos e publicidade, moitos dos seus actos pasaron desapercibidos. Na cidade de Vigo promoveu a creación da Cocina Económica, a Casa de Caridad, o Hospital Elduayen, a construción da Escola de Artes e Oficios, así como á compra e posterior recuperación do Teatro Rosalía de Castro. Tamén regalou o terreo para a construción do Asilo del Niño Jesús e contribuíu para edificar as Escuelas Salesianas del Arenal.
Este especial recupera en vinte imaxes e documentos algunhas das súas obras máis importantes así como unha explicación da súa acción.
Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 18 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.