----

Chega a Ferrol A intimidade da imaxe, a mostra que amosa a Galicia da Transición

O Consello da Cultura Galega e o Concello de Ferrol inauguran este venres no Centro Torrente Ballester (20:00 horas) A intimidade da imaxe, mostra que percorre a transición en Galicia da man das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). Na inauguración estará presente a comisaria, Margarita Ledo, que realizará unha visita guiada. A exposición estará aberta ao público ata o 29 de maio.
Chega a Ferrol <em>A intimidade da imaxe</em>, a mostra que amosa a Galicia da Transición

A intimidade da imaxe condensa nun centenar de imaxes os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa catalá se atopou a finais dos anos setenta en Galicia. O relato expositivo está organizado en nove bloques temáticos: O rostro que te mira, Luz no alén, A atmosfera e o signo, O vestixio e a fuxida, A ollada que manca, A imaxe que libera, A festa como síntoma, Fóra de campo e Paisaxe interior. A mostra permite recoñecer unha dobre visión. Dunha banda, unha Galicia rural de gran riqueza visual e compositiva que emerxe a través da ollada desta fotógrafa que investigou coa súa cámara a realidade rural, as festas e romarías, o traballo das mariscadores ou o universo das curandeiras. Da outra, deu visibilidade a unha serie de problemáticas e reivindicacións populares, desde as mobilizacións contra as obras da autoestrada do Atlántico, as manifestacións sobre a situación das empresas navais, os debates sobre a autonomía e as vontades nacionalistas, que lle ocasionaron, en máis dunha ocasión, problemas coa policía.

Planos medios, planos abertos e encadres arriscados permiten coñecer unha Galicia íntima, moi personalizada nas figuras das mulleres, protagonistas absolutas da súa cámara. Na mostra pódense ver ideas recorrentes no traballo de Turbau como son a cama, as olladas ou as mans, que ofrecen unha mirada moi persoal e humanizada. A exposición chega a Ferrol despois de estar aberta ao público en Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo.

Anna Turbau e Galicia
Anna Turbau chegou a Galicia no ano 1975 para retratar unha serie de vivendas para familias xitanas construídas en Poio por César Portela e Pascuala Campos. Ao pouco decidiu instalarse en Santiago e, como colaboradora independente da revista “Interviu” e “Primera Plana”, retratou os movementos populares que emerxían con forza en Galicia. Nese momento estaba a construción da autoestrada, que xerou un gran conflito social e que engaiolou a unha fotoxornalista que decidiu fixar a súa residencia no noso país ata que comezou a ter problemas coa policía para facer o seu traballo. Durante a súa estadía en Galicia, que se estende ata 1979, Turbau fixo preto de dez mil fotografías. Un arquivo que cedeu ao Consello da Cultura Galega e que encaixa co mandato institucional de preservar o patrimonio cultural galego. Desa cesión sae esta exposición e unha publicación homónima que verá a luz o vindeiro mes de novembro. O libro está editado por Natalia Poncela e exhibirá arredor dunhas 500 imaxes.

Anna Turbau
Estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona e descobre unha cidade marxinal e oculta. Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entra en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino e no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. A presión policial obrigouna a marchar en 1979. Regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista “Actual” e en 1984 na realización televisiva, eido en que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.

Na actualidade vive entre Calatañazor (Soria) e Barcelona, e continúa a traballar en series fotográficas como Mujer y silencio (2009) e na súa última obra: a documentación fotográfica da exhumación dos fusilados de guerra en Calatañazor (2017).