O Consello da Cultura Galega actualiza a composición do seu Pleno

O Consello da Cultura Galega celebrou no serán deste xoves dúas sesións plenarias consecutivas. Na primeira tratáronse asuntos ordinarios da institución e na segunda procedeuse á renovación dos seus membros na quenda de personalidades destacadas. A remuda deste grupo afecta, tal e como establece o regulamento da institución, a unha parte dos membros. Incorpóranse ao Plenario Alejo Amoedo, Cristina Domínguez e Celia Pereira, mentres que Elena Vázquez Cendón, Xosé Manoel Núñez Seixas e Carme Adán renovan por outra lexislatura máis. Ademais, elexiuse a Silvestre Gómez Xurxo como secretario da institución.
O Consello da Cultura Galega actualiza a composición do seu Pleno

Na primeira das sesións plenarias acordouse a elección de Silvestre Gómez Xurxo como novo secretario da institución. Na segunda tivo lugar a renovación dos membros electivos. Cesaron María Xosé Porteiro e Dolores Vilavedra, por cumprir o tempo máximo de permanencia no seu posto, e mais Xosé Ramón Pousa, por vontade propia. Renovan no seu segundo mandato Carme Adán, Xosé Manoel Núñez Seixas e Elena Vázquez Cendón. Incorpóranse o pianista Alejo Amoedo, a directora e docente teatral Cristina Domínguez e a avogada Celia Pereira.

As novas incorporacións
Alejo Amoedo. Redondela, 1966. Pianista especializado no repertorio de compositores galegos, realiza estudos de acompañamento vocal en Madrid co recoñecemo pianista Miguel Zanetti. É Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Doutor pola Universitat Politècnica de Valencia cunha tese sobre Reveriano Soutullo. Pertence ao Corpo de Catedráticos de Música e Artes Escénicas da Xunta de Galicia, na especialidade de Repertorio para Piano con Instrumentos, con destino no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Ten máis de vinte traballos discográficos e deu numerosos recitais, nos que destaca a estrea de obras de Rogelio Groba, Carlos López García-Picos, Juan Durán, Luís Carro ou Juan Eiras, entre outros.
Integrante do colectivo cultural Pertenza e da Irmandade da Música Galega, asesor da Fundación Reveriano Soutullo Otero e membro do grupo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela Organistrum. Ten no seu haber o Premio da Crítica de Galicia e o Premio da Música Gregorio Baudot.

Cristina Domínguez Dapena. Pontevedra, 1965.Titulada superior en Arte Dramática na RESAD de Madrid e Máster Universitario en Artes Escénicas, na especialidade de Educación e Animación Teatral. Docente da Escola Superior de Arte Dramática, e a súa vicedirectora entre 2015 e 2021. Impartiu cursos relacionados coa voz e a dicción, ámbito sobre o que ten diferentes publicacións. Entre 2006 e 2009 foi a directora do Centro Dramático Galego.



Ten unha ampla traxectoria como directora e activista teatral, na que destaca a súa idea de facer un teatro de vangarda no que estean presentes outras artes. Recibiu o premio á mellor dirección escénica en diferentes edicións dos Premios María Casares: en 2014 por As do peixe, en 2006 por Tío Vania e en 2002 por Coitelos nas galiñas.

Celia Pereira. Rotterdam, 1971. Graduada en Dereito e Doutora pola Universidade da Coruña, onde deu clase de Filosofía do Dereito ata 2005. É avogada e presidenta da Fundación Vicente Risco.

Na súa área de coñecemento ten reflexionado sobre o concepto do corpo para as mulleres, a discriminación de xénero na negociación colectiva e a obra de Concepción Arenal, entre outros.

Participou como relatora nunha vintena de cursos, congresos e seminarios. É autora de diferentes libros e artigos, entre os que destacan as monografías A aportación de Concepción Arenal no marco do Estado liberal español ou A discriminación de xénero na negociación colectiva. Vellas inercias e novos retos para a igualdade.