Xa está na rede o arquivo completo da revista Teima

A historia de Teima durou apenas un ano, o que vai de novembro de 1976 a agosto de 1977, pero marcou un fito na historia das publicacións galegas. Foi a primeira revista xornalística que se editou integramente en galego e en Galicia. Nela colaboraron e traballaron Víctor Fernández Freixanes, Manuel Rivas, Xavier Navaza, Pepe Carreiro, Xaquín Marín, Xurxo Lobato e moitos outros nomes hoxe destacados da cultura e da comunicación do país. O Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede o seu arquivo completo neste 3 de maio, Día da Liberdade de Prensa.

O Consello da Cultura Galega pon a disposición da cidadanía un especial que incorpora os 35 números que conforman a historia de Teima. Unha publicación que se presentou ao público no seu número cero “co obxectivo prioritario de informar, de conta-lo que pasa e cómo e por qué pasa en Galicia, de analizar críticamente o que preocupa a tódolos homes deste país”. Na súa presentación recoñecían no editorial que “faltaba a perspectiva galega, faltaba un medio que dun xeito sistemático presentáse, sintetizáse e analizáse as diferentes caras das realidades e dos problemas galegos”. Con firmeza tamén apuntaban que “xurde tamén da man irrenunciable do galego, do idioma do país. Sin ningunha dúbida tiña de ser unha revista pensada e redactada en galego, lingua ausente ainda -honrosas escepciós aparte - dos nosos medios de comunicación social”.

Alén do arquivo completo do semanario, o especial inclúe “Teima, case medio século despois”, un artigo contextualizador a cargo do que foi o seu director, Ánxel Vence. Nel dá conta da xénese do proxecto: “Foron moitos os que teimaron en darlle pulo a aquela Teima. Entre os pais fundadores, e a risco de esquecer algún, figuraban Carlos Casares, Xosé Manuel Beiras, Daniel Pino, Xan López Facal, Luís Álvarez Pousa, Enrique Aller, Víctor F. Freixanes e César Portela, aos que aínda se poderían agregar os nomes de Luís Mariño e Alfonso Sánchez Izquierdo”. Nel tamén alude aos problemas de financiamento, do esmorecemento da publicidade, e á dificultade daquel proxecto.

O especial inclúe un apartado chamado “Un lóstrego informativo” a cargo do xornalista Luis Villamor, autor dunha tese monográfica sobre Teima, que peneira nos arquivos para seleccionar aquelas reportaxes e entrevista máis destacadas.

No número de agosto de 1977, Teima sacaba do prelo o número 35 e no seu editorial avanzaban que podería ser o último. “A Historia está do lado dos que cremos que inevitablemente haberá un mañán de libertade, pese a accidentes tan cativos como a posible caída deste semanario. Galicia perde unha voz, e nada mais. Non ternos presa” remataba o seu editorial.

A través das páxinas da publicación pódese coñecer o convulso ambiente político e social xurdido nun momento de especial axitación política, tralo remate da ditadura franquista e nos primeiros debates sobre o futuro da democracia e da autonomía galega. Serve tamén para descubrir os primeiros pasos dunha xeración de xornalistas que logo habían ter un longo percorrido nos medios e na cultura galega. Foron redactores desta cabeceira Alfonso Sánchez Izquierdo; Guillermo Campos; Luís Álvarez Pousa; Manuel Rivas; Perfecto Conde Muruais; Víctor F. Freixanes; Xabier Navaza Blanco; Xosé María G. Palmeiro; Xosé Platero Paz; Xulio Xiz. Ademais, mantiveron corresponsalías en Andalucía (Antonio Burgos), Madrid (Arturo Ruibal e Rafael L Torre), en Porto Rico (Baldomero Cores), Londres, (Carlos Durán), Lisboa (Carlos Porto), Bos Aires (Domingo Fernández), Santiago de Chile (Emilia Vázquez), Montevideo (Fernando Pereira); Euskadi (Gregorio Gálvez), Londres (P. Barreiro) e en Cataluña (Ramón Clemente e Xavier Costa Clavell).

Proxecto Hemerográfico do CCG
A dixitalización da publicación insírese dentro dunha liña de traballo consolidada do Consello da Cultura Galega que procura a dixitalización de fondos hemerográficos. Dentro desta liña publicouse xa a edición completa de A nosa Terra, así como o proxecto Repertorio de prensa da emigración que cada terceiro xoves de mes difunde novas cabeceiras xurdidas da man de sociedades galegas fundadas na emigración. Ademais, a dixitalización desta cabeceira encaixa nunha liña estratéxica que se mantén ao longo de todo o ano que busca afondar na forxa da autonomía, é dicir, no coñecemento dos movementos xurdidos na xénese da etapa autonómica.