NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do fotógrafo italiano Filippo Prosperi

Naceu en Italia e viaxou por Europa como autor, actor e tradutor de textos teatrais. Filippo Prosperi (Perugia, 1816- Vigo, 1899). Asentouse definitivamente en Galicia, primeiro en Pontevedra e despois en Vigo, onde montaría coa súa muller, Cándida Otero, un gabinete fotográfico. Polas súas cámara pasarían figuras ilustres da política, sociedade e cultura viguesa, pero tamén retratou a transformación urbana do Vigo finisecular. Vítor Vaqueiro asina a súa entrada no Álbum de Galicia.

Pola súa cámara pasaron personalidades senlleiras, afirma Vitor Vaqueiro que retratou “ao gobernador civil de Pontevedra Filiberto Abelardo Díaz, o presidente do goberno Cánovas del Castillo, o político e ministro conservador José Elduayen ou o alcalde Prudencio Nandín; comerciantes ou empresarios como Abdón Pereira de Lema e Ignacio Sobrino Vicente ou poetas como Curros Enríquez, cuxo retrato foi, durante anos, atribuído, de forma errónea, a Jaime de Sousa Guedes Pacheco”. Pero tamén a evolución física de Vigo. Súas son algunhas das imaxes que nos permiten coñecer a cidade olívica de finais de século, o rexistro das praias do centro da cidade, como a das baterías ou a de San Francisco. “E, nas praias, as casas de baños, algunha delas, como La Iniciadora, de luxosa fasquía. Prosperi fotografou igualmente a construción do Ensanche, que pasou ao redor da década de 1880 de ser unha braña a se constituír nunha chea de predios, inseridos en rúas rexidas polos principios de paralelismo e perpendicularidade, onde amiudaban os cantos en chafrán e a burguesía local vangloriábase da súa potencia económica” afirma o autor da entrada. Nela faise un percorrido pola traxectoria deste polifacético creador que comezou os seus pasos no ámbito teatral para logo mudar as táboas polas fotografías.

Malia que o seu gabinete estivo operativo durante máis de tres décadas e, a través da prensa e das publicacións da época sábese da súa frutífera actividade, apenas se conservan duascentas fotografías do seu traballo.

Alén dunha ducia de ligazóns e documentos que permiten afondar na figura de Prósperi, destaca unha curtametraxe documental sobre este pioneiro da fotografía.