NOTICIA

----

Acollemos a presentación dun libro que afonda no papel do portugués no contexto mediático

A UNESCO declarou en 2019 o 5 de maio como o Día Mundial da Lingua Portuguesa. Arredor desta data o Consello da Cultura Galega realiza varias accións encamiñadas a visibilizar a conexión coa lusofonía. A primeira é a publicación da entrada no Álbum de Galicia de Valentín Paz-Andrade. Outra delas terá lugar mañá, venres 6 de maio, coa presentación do libro Lingua portuguesa global: comunicarse no panorama mediático luso-brasileiro, de José Gabriel Andrade. No acto estará presente Rosario Álvarez, presidenta do CCG; María Manuela Reis Martins, directora de Uminho Editora; o autor máis o catedrático da USC, Henrique Monteagudo.

A biblioteca do Consello da Cultura Galega acolle este venres a presentación da publicación de Gabriel Andrade titulada Lingua portuguesa global: comunicarse no panorama mediático luso-brasileiro. Trátase dunha teorización sobre o espazo global que ocupa a lingua portuguesa na sociedade da información. Entre outros aspectos analiza o papel das novas tecnoloxías, o seu uso e a contorna creada por elas para a comunicación en portugués na época contemporánea e faino nun momento no que existe un maior interese pola cultura portuguesa e unha transformación do Brasil.

Entrada de Valentín Paz-Andrade no Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia vén de incorporar a entrada de Valentín Paz Andrade, unha figura fundamental para entender o vínculo coa lusofonía. Este xurista, especialista en economía pesqueira, político e intelectual, foi tamén un mediador social e empresarial que, por razóns de traballo, comezou a estar presente en ámbitos económicos corporativos nos que tivo que se confrontar con lobbies e grupos de intereses. Tivo unha acusada querenza por todo o mundo de lingua portuguesa, nomeadamente con Brasil e con Mozambique, na altura colonia de Portugal. A entrada no Álbum foi asinada por Gregorio Ferreiro Fente.

O CCG no Día da Lingua Portuguesa
Cada ano, co gallo da efeméride, o Consello da Cultura Galega visibiliza materiais e contidos arredor deste vínculo. En anos anteriores publicouse o epistolario cruzado entre o escritor e tradutor brasileiro Paulo Rónai e Valentín Paz-Andrade. Está formado por 52 cartas que amosan como a acollida da literatura brasileira en Galicia e da literatura galega no Brasil deste período lles debe moito a estes dous intelectuais que uniron as dúas puntas do océano.

Alén da entrada de Valentín Paz-Andrade hai tamén outros persoeiros que afondaron nesta conexión. É o caso de Pilar Vázquez Cuesta (1926-2019) pioneira no ensino do portugués, xa que foi a primeira persoa que gañou unha cátedra desta lingua en España, e tradutora de textos de Portugal e de Brasil.

En 2020 o Observatorio da Cultura Galega presentou “O valor do Portugués en Galicia”, o primeiro grande estudo que analiza o uso, actitudes e ensino desta lingua no noso país. O informe concluía que o 60% da cidadanía galega posúe competencias en portugués pero só o 18% ten un dominio elevado desta lingua. O 73,2% considera que en Galicia se debería estudar pero só o 17% sabe que xa existe esa posibilidade no Ensino Secundario grazas á Lei Paz Andrade.