NOTICIA

----

Galicia no tempo de Afonso X centra unha mesa redonda do 57º congreso de Estudos Medievais

A cidade estadounidense de Kalamazoo acolle ata o sábado o 57th International Congress on Medieval Studies organizado polo Instituto Medieval da Western Michigan University. Trátase dun congreso de referencia sobre estudos medievais a nivel internacional. O congreso ten no seu extenso programa varias sesións dedicadas a analizar a Galicia Medieval que están coordinadas polo especialista Simon Doubleday. Unha desas sesións consiste nunha mesa redonda que parte da publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) Galicia no tempo de Afonso X, do que Doubleday é tamén editor.

A mesa redonda terá lugar este venres 13 de maio e pretende revalorizar a historia de Galicia nos reinados de Afonso X e Violante, analizando a importancia das mulleres reais, as lendas alfonsinas sobre a protohistoria galega, a xestión dos recursos territoriais, a recepción das obras historiográficas e xurídicas alfonsinas e o lugar de Galicia nunha monarquía policéntrica. Nela participan Diana Flores, Helena de Carlos e José Andrade, da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Pérez Rodríguez, da Universidade de Vigo; Ricardo Pichel, da Universidade de Alcalá e Miguel García Fernández, do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento-CSIC.