NOTICIA

----

O Concerto das Letras Galegas abre este luns os actos de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do concello do Barco de Valdeorras, abre este luns 16 de maio os actos de celebración do Día das Letras Galegas que homenaxea ao poeta e activista político e cultural Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987). Faino co tradicional Concerto das Letras Galegas que corre a cargo do grupo Zoar Ensemble cun programa musical que repasa o legado do homenaxeado e tamén lembra a memoria dos exiliados e exiliadas republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México. As entradas son gratuítas, pódense retirar no propio día do concerto que terá lugar no Teatro Lauro Olmo (Barco de Valdeorras, 20:00 horas) e será retransmitido en directo pola web do CCG e a da CRTVG. Nel estrearase a peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez.

O grupo Zoar é o encargado da duodécima edición do Concerto das Letras Galegas que pon o foco na figura de Florencio Delgado Gurriarán pero tamén no colectivo que formou parte do exilio mexicano. O programa está conformado, por unha banda, por pezas que fan referencia explícita ao homenaxeado e, por outra, a creacións musicais ligadas á diáspora mexicana con obras dos seus principais referentes como Adolfo Salazar e Rodolfo Halffter e mais o galego Jesús Bal y Gay. Todos eles eran amigos que se coñeceron en Madrid e volveron reencontrarse en México, onde seguirían colaborando, en particular na creación da revista Nuestra Música. Complétase tamén con outras pezas que son unha chiscadela á cultura local, como é “Aureana do Sil”, de Federic Mompou, a partir dun texto de Ramón Cabanillas, e na que participou moi activamente o ourensán Antonio Fernández-Cid.

En cada edición do Concerto das Letras Galegas hai unha estrea absoluta a partir dunha encarga do CCG. Nesta ocasión, a estrea é a peza Diásporas, composta por Carme Rodríguez (Ribadeo, 1996). É unha peza contemporánea na que a compositora parte de catro textos do poemario Galicia infinida (“Xacarandá”, “Volta”, “Enamórame o feitizo do tesouro” xunto cun extracto de “Galicia infinda”) para ofrecer “unha estrutura musical na que se amosa ese soño da Galicia infinda da que falaba Florencio; unha aventura ética que non deixa atrás do tema da saudade, a sensibilidade e o achegamento á natureza de México que comparaba coa de Galicia” en palabras da compositora. É tamén a primeira vez que unha muller se encarga da composición que se estrea no marco desta proposta.

A entrada ao concerto é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. As entradas poderán retirarse no despacho de billetes do Teatro Lauro Olmo o propio día do concerto a partir das 19:00 horas e tamén se poden reservar no teléfono 988 320 053. O Concerto retransmitirase en directo desde o web do Consello da Cultura Galega e a web da CRTVG. Tamén se poderá ver o día 17 na programación especial da segunda canle da Televisión de Galicia.

Os intérpretes
O grupo Zoar é un conxunto de cámara fundado en 2009 que medrou á procura dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, un firme compromiso coa nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade, con vontade de achegar a súa actividade a todos os públicos. Neste concerto participan Joan Ibáñez na frauta, frautín e frauta en sol; David Villa no óboe e corno inglés; Antonio Suárez no clarinete e clarinete baixo; Nicolás Gómez na trompa e Álex Salgueiro no fagot e contrafagot. A soprano elexida nesta ocasión é a moldava Clara Jelihovschi Panas. A directora artística do concerto é Ana Inés Jabares-Pita, o deseño de luces corre a cargo de Octavio Mas Ibáñez e Masako Hattori é a deseñadora do videoarte que se empregará durante o concerto.

Concerto das Letras Galegas
O Consello da Cultura Galega organiza desde o ano 2010 este concerto institucional que constitúe a antesala festiva do día grande das letras galegas. Comezou en Santiago de Compostela nunha edición que recuperaba a figura de Lois Pereiro. Volveu a esta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. Na cidade de Pontevedra celebráronse tres edicións, para lembrar a Valentín Paz Andrade, Filgueira Valverde e María Victoria Moreno. O concerto estivo en Lugo, no ano 2014 lembrando a Díaz Castro; na Coruña no ano 2016 honrando a Manuel María; e un ano despois foi a Ourense coa figura de Carlos Casares. Este ano tivo unha segunda edición en Santiago. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. En 2021 o concerto celebrouse en Vigo, con Laura LaMontagne&Pico Amperio en homenaxe a Xela Arias.