Javier Vilanova fala de filosofía de sentido común no ciclo Pensarmos

O ciclo de reflexión Pensarmos, que organiza mensualmente a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) que coordina Carme Adán, ten este xoves 19 de maio (18:00horas) unha nova cita. Desta volta co filósofo e profesor Javier Vilanova, que falará da filosofía de sentido común. Estará con el na mesa a tamén profesora, Nieves Herrero. A sesión é presencial, pode seguirse en directo a través do web e das redes sociais da institución.

En que consiste o sentido común? De onde vén? É igual en todas as culturas? Sobre estas cuestións reflexionará Javier Vilanova. Na súa intervención abordará se o sentido común pode axudar a resolver problemas complexos como os que se enfrontan os científicos e filósofos, ou é máis ben un prexuízo contra o que deben loitar os científicos ou os especialistas. É un aspecto que o autor ten tratado en libros como Filosofía de sentido común desde un punto de vista teórico e práctico. No primeiro caso a partir do investigado por psicólogos, antropólogos ou sociólogos, entre outros especialistas, e no segundo, sobre os problemas que asolagan ao filósofo tradicional, desde as ideas e crenzas cotiás que son comúns á cidadanía.

A sesión, como todas as citas do ciclo Pensarmos están concibidas co diálogo entre un especialista e a persoa convidada. Neste caso entre Javier Vilanova e Nieves Herrero.

Os relatores
Javier Vilanova estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1996 coa tese “Similaridad intermundana y lógica condicional”. En 1997 trasládase ao Departamento de Lóxica e Filosofía da Ciencia da Universidad Complutense de Madrid, onde desenvolve a súa actividade docente e investigadora, con estadías de investigación na Universidade de Lodz, o Instituto de Investigacións Filosóficas da UNAM de México, a Universidade de Stanford, a Universidade de Tucumáne, en 2017, o CRRAR da Universidade de Windsor. Traballou en temas de Lóxica (lóxica modal, condicional…), Filosofía da Lóxica (status do coñecemento lóxico, teoría de definicións implícitas…), Filosofía da Linguaxe (analiticidade, pragmática…), Teoría da Argumentación (circularidade argumental, xustificación argumentativa…), Filosofía da Filosofía (filosofía e sentido común, metodoloxía filosófica…) e Historia da Filosofía (Moore, Austin, Wittgenstein…). Publicou tres libros —o último, Filosofía de sentido común, en 2021 en Escolar Editor— e máis de 50 artigos e capítulos de libros en revistas e editoriais internacionais. Na actualidade a súaprincipal preocupación concéntranse na práctica dunha “filosofía para todos”, que se abra a un público máis amplo que o puramente académico sen perder profundidade nin rigor.

Nieves Herrero é doutora en Filosofía e profesora titular de Antropoloxía Social na Universidade de Santiago de Compostela. Imparte docencia de materias desta especialidade nas titulacións da Facultade de Filosofía. Desde un primeiro interese pola transformación do medio rural en Galicia, o seu traballo orientouse cara ao estudo da conversión actual en patrimonio de moitas das súas expresións culturais características. Veu dedicando especial atención á recuperación do Camiño de Santiago que analizou en diversas dimensións. Coeditou, xunto con S. Roseman a obra titulada Imaginary and Pilgrimage to the Edges of the World (Chanel View Publications, 2015) na que se compara o papel do imaxinario da fin do mundo na promoción turística de diversas fisterras de Europa e América, sendo autora do capítulo dedicado a Galicia (“Galicia´s Finisterre and the Coast of Death”).

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo Pensarmos, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, huanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro polo que pasaron xa unha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. As intervencións están gravadas e, se os seus autores o permiten, pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube. Neste 2022 o ciclo pensarmo afondará no concepto de Normalidade. “Normalidade é unha palabra usada en todas as súas variantes para atopar unha linguaxe nunha situación global moi conflitiva: primeiro unha pandemia mundial e agora mesmo unha guerra” asegura Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega que deseñou para o 2022 un programa que busca reflexionar de xeito critico sobre o que significa ser normal. “Normal non é ninguén porque tampouco o son as situacións” asegura Carme Adán que afirma “que temos unha vida máis precaria culturalmente, mentalmente, mesmo nos plano dos afectos e temos unha vulnerabilidade social que se impón a esa normalidade sobre a que cómpre reflexionar”.

Sección de Pensamento
Esta cita está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a Mariló Candedo, Francisco Castro, Nieves Herrero, Marta Lois, Ramón Máiz, Luisa Martínez, Celia Pereira, Xoán Antonio Pérez Lema e Juan Tallón. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.

Outras noticias que che poden interesar