NOTICIA

----

O Repertorio de prensa da emigración Galega incorpora o Boletín Oficial do Centro Galego

O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega 200 novos números. Son os que se corresponden co Boletín Oficial do Centro Galego de Avellaneda (Arxentina).

O Repertorio da Emigración Galega incorpora este mes de maio unha nova cabeceira. Trátase do Boletín Oficial do Centro Galego de Avellaneda. publicación societaria dedicada principalmente a aspectos internos da institución, informando sobre os diferentes actos sociais e culturais organizados pola mesma (cursos, conferencias, romarías, festas etc.) e con notas sociais como "Sección Oficial", "Ecos sociales" ou artigos sobre os persoeiros vinculados coa entidade e coa colectividade galega asentada en Avellaneda.

Na primeira páxina aparece a comisión directiva que leva a organización da sociedade e un editorial sobre os temas de interese dese momento. Tamén contén artigos que abordan temas culturais, aínda que son escasos e, en xeral, bastante intranscendentes, e colaboracións literarias.

Nesta actualización do Repertorio de Prensa da Emigración súbense preto de 200 números que foron editados entre 1903 e 1920. A publicación tiña periodicidade mensual pero os últimos números abarcan varios meses.

O Repertorio de prensa da Emigración é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega que pon na rede cabeceiras formadas por sociedades de emigrantes co obxectivo de facilitar a investigadores e persoas interesadas no fenómeno migratorio.