A quinta conxuntura do Observatorio da Cultura Galega amosa que, tendo en conta o último dato publicado polo Instituto Galego de Estatística, os prezos de produtos culturais como prensa, libros e artigos de papelaría son os que experimentaron a maior suba, un 2,5% en Galicia e un 3% en España, seguido dos servizos recreativos, deportivos e culturais, cun 0,8% e 1,1% respectivamente. En cambio, o subgrupo que aglutina os equipos audiovisuais, fotográficos e de procesamento de información presenta unha significativa baixada dun -2,7% na comunidade galega, algo máis leve no conxunto estatal (-1%). O informe do Observatorio tamén destaca que a confianza dos consumidores mellorou moito nos últimos trimestres pero baixa o número de fogares que prevén poder asistir a algún espectáculo relacionado coa cultura.
Os datos tamén apuntan a que no último ano se crearon en Galicia 117 empresas culturais, o que supón un 2,7% do total de empresas aparecidas nese período. O ritmo de creación é similar ao doutros sectores, segundo os datos consultados do BORME (Boletín Oficial do Rexistro Mercantil). Relacionado con isto, a finais de 2021 o emprego en cultura situábase en 34.700 persoas, cifra similar á que había antes da pandemia. Os datos da Seguridade Social indican tamén unha recuperación importante en 2021, certa estabilidade no que vai de 2022 e un comportamento especialmente positivo das actividades relacionadas co audiovisual.
Nese período tamén se importaron máis produtos culturais dos que se exportaron, concretamente un 41% máis. O sector exterior, pese a non ter un comportamento lixeiramente negativo nos últimos meses na desagregación por produtos, acaba de pechar 5 anos de incrementos consecutivos, impulsado pola edición e as actividades de creación, artísticas e espectáculos.
Este documento de traballo afirma que “como síntese, o cadro macroeconómico segue apuntando a unha recuperación importante das actividades culturais no último trimestre de 2021 en termos de valor engadido bruto, pero con crecementos inferiores ao conxunto dos servizos ou da industria”. En resumo, a cultura continúa a se recuperar da COVID-19 pero faino moi lentamente.
No ronsel da crise
A crise da COVID-19 deixou un descenso de representacións (-52%), espectadores (-76%) e recadación (-71%) no ámbito teatral; unha baixada de 1,2 millóns de asistentes a concertos e 13 millóns de euros de recadación. Rexistrou tamén 1,2 millóns de visitantes menos a museos. Unha situación de descenso xeneralizado de todos os indicadores que tamén se repite na música clásica, na ópera e o resto do xénero lírico e na danza. Ademais, o turismo cultural viuse moi afectado e contabilízase unha perda de 110 millóns de euros.
Con todo, nese período houbo tamén indicadores positivos. Deuse un incremento do número de bens inmobles (BIC) declarados ou incoados e un excepcional crecemento do gasto das familias en cultura xa que aumentou o gasto en soportes, equipos e accesorios audiovisuais e de tratamento da información (+23,40€ por persoa), en publicacións periódicas (+2,80€ por persoa) e libros (+13,50€ por persoa).
Con respecto ao papel das administracións, a quinta conxuntura do Observatorio da Cultura Galega amosa que hai diferenzas entre elas. O gasto en cultura e promoción da lingua orzamentado pola Administración autonómica para 2022 sitúase en 106,5 millóns de euros. Trátase dun lixeiro incremento con respecto a 2021 (un 2,2%), nun contexto en que o gasto xeral se contraeu principalmente polo descenso do gasto en débeda pública. O incremento das partidas relacionadas coa cultura é proporcionalmente inferior ao total do gasto en educación ou turismo, pero superior ao doutras actuacións como deporte ou xustiza. A Administración autonómica destinou un 0,81% do seu gasto total á cultura e a maior parte do gasto liquidado neste ámbito son os salarios do persoal, que supoñen un 31,5% do total.
Pola súa banda, o gasto en cultura das administracións locais contraeuse un 1,7% na última anualidade dispoñible, para situarse en 194,9 millóns de euros, mentres que o gasto total aumentou lixeiramente. Os concellos destinan un 6,73% dos seus recursos a cultura e o seu gasto é moi superior ao da Administración autonómica, tanto en termos relativos como absolutos. O gasto principal da Administración local son os gastos correntes, que son máis da metade (52,4%) do total. Unha parte importante do seu gasto destinouse a festas populares e festexos (un 22,5% do gasto total) e unha parte significativa do gasto das deputacións a equipamentos culturais e museos (23,9%).