Unha xornada analiza a liberdade creativa de Maruja Mallo

Maruja Mallo é a personificación do espírito da vangarda no seu intento de “cambiar o mundo” e “cambiar a vida”. Sobre a súa liberdade creativa e de pensamento afonda mañá unha xornada do ciclo “Revisando a nosa arte” co que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa mensualmente a traxectoria de personalidades destacadas da nosa arte. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Asunta Rodríguez é a coordinadora desta xornada que xunta a María Victoria Carballo-Calero Ramos e María Laura Rosa para falar dunha muller que foi decisiva para o desenvolvemento da arte galega no século pasado. Unha figura cuxa obra e vida estiveron comprometidas coa liberdade de creación e de pensamento. María Victoria Carballo-Calero Ramos, catedrática de Historia da Arte Contemporánea da Universidade de Vigo e académica de número da Real de Belas Artes de Galicia, falará da Idade de Prata e da Xeración do 27, mentres que María Laura Rosa, profesora da Universidad de Buenos Aires e investigadora do CONICET (Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología) abordará a relación de Maruja Mallo no Cono Sur.

A súa biografía
Maruja Mallo (Viveiro, 1902 – Madrid, 1995) foi unha das principais artistas da Xeración do 27 malia que o relato que aprendemos non inclúe o nome de ningunha muller. Fórmase na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid, onde mantén unha profunda amizade con Salvador Dalí, aínda que, ao igual que el, abandona os estudos na dita institución debido ao seu constrinxido sistema de ensinanza. Moi pronto é recoñecida como un membro máis da puxante comunidade cultural que enchía cafés, pechaba locais nocturnos e frecuentaba a Institución Libre de Enseñanza e a Residencia de Estudiantes. Nesa etapa marabillosa da súa vida comparte amizade con Dalí, Lorca, Buñuel, Gómez de la Serna, Alberti (de quen é parella) ou Ortega y Gasset.

O seu carácter rebelde maniféstase na súa arte, que non se corresponde cos canons tradicionais do momento e é evidente, tamén, na súa conduta, que despreza a consideración asumida da muller como ente inferior ao varón. Forma parte das “sen sombreiro”, novas intelectuais que escandalizaban á sociedade conservadora do momento por prescindir desta prenda ao saír ás rúas de Madrid. Con ela paseaban Concha Méndez, María Zambrano, Margarita Manso… Amou a Miguel Hernández (ela é “el rayo que no cesa”) e foi amiga de Pablo Neruda, con quen se fotografou na Illa de Pascua en 1945 e nos deixou instantáneas que parecen ilustrar o que Dalí dicía dela: “es mitad ángel, mitad marisco”. Viviu un ano en París, onde integra o grupo surrealista liderado por André Breton. Comprometida coa República, participa como docente nas Misións Pedagóxicas, o que a trae de volta á súa Galicia natal, onde a sorprende a Guerra Civil, da que escapa axudada pola súa amiga Gabriela Mistral. Exíliase durante un cuarto de século e vive en varios países de América do Sur e en Nova York. Volve a Madrid en 1964.

Revisando a nosa arte
A sección de Artes e Creación Visual Contemporánea puxo en marcha no pasado mes de marzo” Revisando a nosa arte”, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Iso implica afonda na renovación do Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e se enriquece nas seguintes décadas con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e traxectorias. A cita comezou cunha análise á figura de Carlos Maside e seguíu despois coa figura de Laxeiro.

Sección de Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Luís Rosón, Ramón Rozas, Carmen Neira, Miguel Fernández-Cid, Carmen Díaz, Paula Cabaleiro e Jesús Pastor.

Outras noticias que che poden interesar