----

Rosario Álvarez é reelixida presidenta do Consello da Cultura Galega

O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) reelixiu no serán deste xoves a Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) como presidenta. A súa candidatura foi a única presentada e afronta agora o que será o seu segundo e último mandato. A presidenta electa afronta o novo período con renovado impulso que manterá os seus sinais de identidade: xestión participativa, busca de novos públicos, cohesión do tecido cultural galego e colaboración con todo tipo de entidades, así como a promoción exterior da cultura galega.
Rosario Álvarez é reelixida presidenta do Consello da Cultura Galega

O Plenario validou o proxecto presentado por Rosario Álvarez, que manifestou o seu desexo de continuar cunha dirección non presidencialista senón marcada por unha xestión participativa que contribúa a activar a implicación dos membros do Plenario xunto cos das Seccións, Comisións e Arquivos. Na súa intervención, a presidenta electa incidiu na relevancia de fortalecer internamente a institución e reforzar a cohesión do sistema, procurando unha interlocución fluída con axentes culturais de diverso tipo. Ademais, demandou a rele de ofrecer espazos de confluencia para a toda a sociedade nos que compartir reflexións, inquedanzas, balances, propostas de futuro, problemas e solucións, formación e divulgación de novo coñecemento, sempre arredor da cultura galega.

Rosario Álvarez comparecerá como presidenta electa no Parlamento de Galicia e o seu nomeamento será efectuado polo Consello da Xunta de Galicia e posteriormente publicado no Diario Oficial de Galicia. Tras a súa incorporación oficial, o Pleno do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da nova Comisión Executiva por proposta da presidenta.

Programación 2022-2026
O proxecto presentado por Rosario Álvarez para os vindeiros catro anos responde ao principio de programación participativa, no que colabora todo o organigrama da institución, xunto cun número crecente de parceiros de todo o sistema. Manterá iniciativas que xa estaban en marcha, como o programa de actividades seguindo un modelo institucional cohesionado; a estratexia de programación e comunicación dixitais; os informes, documentos de traballo e asesoría; o arrequecemento, xestión e explotación dos fondos dos centros de documentación do CCG, cunha mención expresa á necesidade de visibilizar o fondo fotográfico da institución.

Continúan tamén como liñas de traballo a aposta pola igualdade de oportunidades de acceso á cultura e ao seu desfrute; o deseño de estratexias para chegar a novos públicos co ánimo de estender os valores da lingua e a cultura galegas; e traballar pola internacionalización da cultura galega.

Entre as accións máis inmediatas está a conmemoración do 40º aniversario do Consello da Cultura Galega, cunha programación propia deseñada non só para visibilizar a institución e a relevancia do seu traballo, senón para abrir unha nova etapa de plena madurez.

Balance dos primeiros catro anos
No primeiro mandato de Rosario Álvarez desenvolvéronse 358 actividades, cunha media de 71 anuais. A busca de novos públicos, repensar os enfoques, as temáticas, os formatos de comunicación e actividades, así como a diversificación de actividades fóra da sede institucional en Santiago, son algunhas das liñas centrais da súa acción. Nestes catro anos reforzouse a actividade asesora, con 191 informes, documentos de traballo, barómetros e conxunturas. Algúns deles tan destacados coma o realizado sobre o impacto da enerxía eólica na paisaxe cultural en Galicia, sobre os fondos patrimoniais do Centro Galego de Bos Aires ou sobre a situación do teatro galego. Ademais, contribuíu a intensificar os estudos sobre a realidade cultural, nomeadamente durante a crise provocada pola COVID-19.
Neste mandato destacou a constitución do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) como unha forma de reforzar a liña de arquivos e centros de documentación da institución, centrada en poñer a disposición da cidadanía un servizo de materiais bibliográficos, webgráficos, hemerográficos e audiovisuais, de carácter especializado e permanentemente actualizado.

Durante este período dinamizouse a acción exterior da institución, que aprobou en 2021 un novo plan de acción que conta con catro liñas de atención principais: a Galicia espallada (da emigración e do exilio), os países de lingua portuguesa, a relación con Europa e a posición atlántica de Galicia.

Nestes catro anos desenvolveuse unha liña de innovación en formatos que se integraron na programación da institución e que concretou na elaboración de proxectos audiovisuais como “As mulleres do porvir” ou “Aquí medra a lingua”; podcasts como A lindona de Galicia ou A camisa, entre outras actuacións.

Perfil da presidenta
Rosario Álvarez é doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nela desenvolveu o seu labor docente e investigador no Departamento de Filoloxía Románica e no de Filoloxía Galega. É catedrática da área de Filoloxías Galega e Portuguesa desde 1998. Nesta universidade foi tamén vicerreitora de Profesorado (1990-1994), directora do Departamento de Filoloxía Galega (1995-1999) e directora do Instituto da Lingua Galega (2005-2013).

As súas liñas de investigación seguen tres eixes: o estudo da gramática descritiva da lingua galega, cunha perspectiva sincrónica mais con atención á historia da lingua galega e á gramática contrastiva portugués-galego; a variación e o cambio lingüísticos, tanto no galego actual coma no antigo e medio; e a edición e estudo de textos do galego medio e do galego da etapa previa ao Rexurdimento.
É membro do equipo do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), coautora de dúas gramáticas do galego, con Monteagudo/Regueira (1986) e Xove (2002), e investigadora principal do equipo redactor da gramática da Real Academia Galega. É directora do Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, no que colaboran equipos de Galicia, Portugal e Brasil, e codirectora do proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna; no CCG é, ademais, responsable do proxecto Gallaeciae Monumenta Historica.

Desde o ano 2003 é membro da Real Academia Galega, da que foi tesoureira (2013-2017), coordina o Seminario de Gramática e dirixe a Sección de Lingua.