NOTICIA

----

Unha xornada analiza o que nos custa o cambio climático e a transición enerxética

Canto nos está a custar e nos custará o cambio climático? Entre as medidas a emprender, ocupa un lugar destacado a transición enerxética dende o paradigma de combustibles fósiles. A canto ascende esta factura? Temos maneira de reducila a través de políticas axeitadas? Podemos facelo dunha forma xusta? E, sobre todo, compensaranos pagala? Expertos como Xavier Lavandeira ou Beatriz Hervella responderán a estas preguntas na xornada “A factura do cambio climático e transición enerxética” que organiza a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). A xornada é presencial pero poderá seguirse en directo a través da rede.

Jorge Mira e María Loureiro son os coordinadores dunha xornada que aborda un asunto de máxima actualidade: o custe económico do cambio climático e da transición enerxética. A cita parte do feito demostrado que a Terra está inmersa nun proceso de cambio climático debido á acción humana e pretende unha reflexión científica tendo en conta a variable económica. “Os cálculos sobre as perdas que está a causar e causará (tanto puntuais, por eventos extremos, como a medio e longo prazo) son necesarios para medir na balanza os custos das accións de mitigación necesarias e, polo tanto, xustificalas” explica o programa. Nesta cita xúntanse persoas expertas nos fundamentos físicos do clima e do seu cambio con especialistas na economía do cambio climático, co obxectivo de dar unha resposta a estas preguntas.

O programa
Os primeiros relatorios están encamiñados a analizar a situación desde unha ollada económica. María Luz Loureiro García, catedrática do Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) analiza a posición da cidadanía ante o cambio climático. De seguido, Xavier Labandeira Villot, catedrático do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e un recoñecido especialista en regulación económica de deterioro ambiental, impostos ambientais e política enerxético-ambiental, falará das políticas de mitigación climática cara ao ano 2030.Outra convidada recoñecida, a voceira da Axencia Estatal de Meteoroloxía, Beatriz Hervella, ofrecerá un relatorio titulado “Do cambio climático real e percibido en España: que agardar do futuro?”

A sesión continúa pola tarde con dúas intervencións. Unha a cargo de Juan Taboada de Meteogalicia, que abordará as pegadas do cambio climático en Galicia e debullará cales son os posibles escenarios de futuro. E outra por Susana Bayo Besteiro, investigadora do EPhysLab da Universidade de Vigo, que reflexionará sobre cal é o prezo da acción e da inacción.A xornada remata cunha mesa redonda moderada por Jorge Mira na que participan todos os participantes desta cita.