NOTICIA

----

A situación da industria discográfica galega ante a dixitalización, a debate nunha xornada

“A industria discográfica en Galicia” é o titulo da xornada que terá lugar no Consello da Cultura Galega (CCG) e na que destacados profesionais abordarán o impacto da dixitalización neste sector. A cita está coordinada por Xosé Ramón Pousa, é presencial pero poderá seguirse en directo a través da web e das redes sociais da institución.
A situación da industria discográfica galega ante a dixitalización, a debate nunha xornada

A industria da música vive un momento crítico a consecuencia do proceso de dixitalización sufrido nas últimas décadas, con importantes cambios nos soportes de gravación e reprodución, no modelo de negocio e no consumo. Os cambios continuos nos formatos, a eclosión de Internet e as novas tendencias de consumo, coa aparición de novas formas de pirataría e a irrupción de plataformas de distribución alleas ao sector tradicional, levaron a industria a unha crise total de vendas, co afundimento de grandes selos discográficos e a modificación da relación entre os creadores e o público cara a un modelo de distribución con novos paradigmas.

Pero non todo foi negativo, a dixitalización trouxo novas oportunidades, de xeito que as redes favoreceron a aparición e o éxito de grupos noveis, aumentaron a música en vivo, cara a un contacto máis directo entre artistas e seguidores, e mesmo a ruptura dos mercados locais para unha maior e máis rápida internacionalización dos produtos, que xa non buscan compradores senón usuarios.

Estes cambios a nivel global teñen unha manifestación particular nos pequenos mercados, como o galego, onde a simplificación e o abaratamento dos procesos de produción musical están dando lugar ao nacemento de novos selos, a fenómenos de autoedición promovidos directamente polos artistas e aos retos de facer visibles na rede os contidos sonoros dunha cultura musical tan rica como a galega.

O programa
Alfonso Espiño, músico e doutor en Historia da Arte, é encargado de abrir o programa cun relatorio titulado “A industria musical na globalidade: do disco ás plataformas dixitais”. Despois, Fernando Fernández Rego, profesor e investigador en temas musicais, autor de Unha historia da música en Galicia 1952-2018, analizará os horizontes e perspectivas da historia da música gravada en Galicia. A xornada continúa pola tarde con dúas mesas redondas. Unha delas moderada polo pianista, e membro do Plenario do CCG, Alejo Amoedo, e na que Maritxu Alonso de Uterzine, Josiño Carballo de Ernie Records e Segundo Grandío de Casa de Tolos falarán dos retos para produtoras e editoras discográficas galegas no panorama global contemporáneo.

Na segunda das mesas, o xornalista Santi Montes modera a Manuel Alonso de Músicas ao Vivo, a Michel Valiña da Asociación Distant Sounds e a Jordi Lauren de PlayPlan Cultural que afondarán nas debilidades, fortalezas, resistencias e esforzos para sacar adiante a produción discográfica galega.

Outras noticias que che poden interesar