NOTICIA

----

O Consello da Cultura e a Xunta visibilizan a diversidade sexual coa mostra Sen Cancelas

Sen cancelas. Memorias do arco da vella en Galicia é o título do proxecto expositivo que poñen en marcha o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. A mostra ten un carácter didáctico e divulgativo e fai un percorrido histórico e conceptual sobre a diversidade sexual en Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a conselleira, María Jesús Lorenzana, inauguraron esta mañá no claustro do Instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela este proxecto pensado principalmente para a mocidade que itinerará polos centros educativos do país. Carme Adán é a coordinadora do comité asesor que deseñou os contidos e que ten como comisarios a Daniela Ferrández e Enrique Latorre. A exposición tamén se pode consultar na rede desde o web do CCG.

O Instituto de Ensino Secundario Rosalía de Castro acolle ata o vindeiro 30 de xuño esta exposición que propón un percorrido polo pasado e polo presente a propósito das ideas e conceptos que deron forma á defensa dos dereitos e liberdades das persoas que non se axustaron á norma sexual e de xénero, así como aos estereotipos e aos valores sociais que nos precederon. “Pretendemos visibilizar de maneira clara a normalidade da diversidade” apuntou a presidenta do Consello da Cultura Galega na inauguración ao tempo que puntualizou que “cando nos movemos no ámbito das identidades isto tamén é cultura”. Pola súa banda, a conselleira destacou que “temos que avanzar en concienciar á poboación”. A mostra abriuse esta mañá cun acto público no que tamén estiveron presentes María Fontal, xefa de estudos do IES Rosalía de Castro; Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento e do comité asesor que deseñou os contidos tanto da exposición como do Foro Identidades e Disidencias Sexuais; e os comisarios da mostra, Daniela Ferrández e Enrique Latorre.

O proxecto
Carme Adán, coordinadora do comité asesor da mostra, explicou que o título foi moi pensado “porque non hai identidade e igualdade se non hai liberdade”. Ademais, apuntou que o obxectivo último do proxecto é “espallar a idea de que a diversidade está presente no ser humano e estiveron presente sempre, nas diferentes cultura e que estará sempre. Non é unha cuestión das persoas diversas senón unha cuestión que afecta á toda a cidadanía”.

A exposición, formada por oito paneis, comeza explicando que a diversidade, está presente tanto nas persoas como nas sociedades e culturas. Despois ofrece un percorrido pola diversidade sexual e de xénero a través de diferentes culturas. Explícase a mención das virxes xuramentadas de Albania, os Beraches de América do norte ou o Muxe (ou mushe), termo procedente das culturas zapotecas de Oaxaca (México) que define a persoas que foron asignadas como varóns ao nacer pero que toman para si unha identidade de xénero feminina.
A historia de Elisa e Marcela, a de Manuel Buján, ou a de Pedro Díaz e Muño Vandílaz son algunhas das historias que se poden descubrir noutro dos paneis da mostra, que tamén dedica un espazo a visibilizar figuras como as de Laura Bugallo ou Eduardo Blanco Amor, entre outros, que foron referente galegos da diversidade sexual.

A historia Galega
Sen cancelas tamén ofrece un relato histórico sobre a identidade sexual que arrinca en 1920 e se estende ata o presente. “Amosamos que existiron, como foi un relato de ida e volta, no que houbo liberdade e represión” explica Daniela Ferrández, unha das comisarias do proxecto expositivo. “Traballamos nos dereitos e pretendemos dar a idea de que eses dereitos non sempre existiron, nos que se gañaron visitas e facer partícipe a esas persoas. E que esas loita, e esas conquistas nos gañaron para todos e que debemos de gardar e ampliar”.
O relato histórico da diversidade sexual en Galicia está dividido en dous paneis. Un para explicar os chanzos que levaron cara a emancipacións. Como a creación dos primeiros colectivos de Galicia (entre 1972 e 1982), ou a protesta que tivo lugar en outubro de 1980 fronte á cafetaría Manhattan Plaza da Coruña pola expulsión de dous rapaces homosexuais. Nela tamén aparece a primeira manifestación polo Día do Orgullo Gai en Galicia que reuníu máis de 500 persoas e que tivo lugar en Vigo, en xuño de 1981.

O segundo dos paneis documenta a situación legal. Sitúa o contexto galego dentro do marco global, onde hai 69 países nos que a homosexualidade é ilegal, nalgún deles mesmo castigada con pena de morte. No marco da exposición tamén se poden apreciar algúns dos fitos lexislativos tanto a nivel español como galego, que marcan as achegas na igualdade de dereitos. É o caso da modificación da Lei de Rexistro Civil, 3/2007, que permite que as persoas trans que queiran modificar a súa documentación no Rexistro Civil poden facelo cumprindo unha serie de requisitos. Ata este momento, as persoas que querían realizar este trámite tiñan que pasar por un longo proceso xudicial. Con todo, o fito máis destacado é Lei galega de LGBTI (lei 2/2014), que fixo que Galicia se convertera na primeira comunidade autónoma do Estado en aprobar unha lei específica contra a discriminación das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais. Nesta lei recoñécese a necesidade de traballar a prol da igualdade e identifícanse algúns eidos cos que iniciar este proceso como o laboral, o social ou o educativo.

Colaboración
Esta exposición xorde do convenio asinado en 2021 por Rosario Álvarez e María Jesús Lorenzana, que establecía tres liñas de actuación: a diversidade sexual, a eliminación da violencia de xénero e a visibilización de mulleres destacadas do ámbito do pensamento. Dotado con 22.000 euros, procura accións conxuntas nestes ámbitos de actuación. Unha alianza que puxo en marcha o Foro identidades e disidencias sexuais que xa está en marcha e que pretende ser un espazo pioneiro que permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGTBI para darlles unha resposta axeitada -mediante os recursos e servizos que poidan demandar- e previr as condutas violentas contra o colectivo.