NOTICIA

----

Un congreso analiza en San Simón o legado cultural producido polo exilio

A elección da figura de Florencio Delgado Gurriarán como homenaxeado no Día das Letras Galegas, fixo que ao longo deste ano se puxera o acento en estudar e analizar o legado de persoas que, coma el, se tiveron que exiliar. E esta é a idea que vertebra “Legados dende a dislocación. Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil”, o congreso que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) ata o vindeiro venres. A cita xuntará unha ducia de especialistas no estudo do exilio producido pola Guerra Civil nun espazo tan significativo como é a illa de San Simón (Redondela). A xornada é presencial e non se poderá retransmitir en directo pero será gravada para subirse posteriormente á web da institución.

Pablo García Martínez é o coordinador dun encontro que prestará atención tanto ás formas de inserción das persoas exiliadas nas sociedades de acollida mediante varias formas de militancia, como aos legados culturais que deixaron detrás de si durante o tempo no desterro e, finalmente, aos futuros que imaxinaron dende os contextos adversos que viviron.

O programa
A xornada arrinca este xoves cunha conferencia maxistral a cargo do historiador e expresidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que falará de “Exilio e transición democrática. Unha perspectiva “galeuzcana”. De seguido, haberá unha mesa redonda moderada por Teresa López que abordará o exilio republicano en México: literatura, cultura impresa e a figura de Delgado Gurriarán. Nela participan Ana González Neira, Ricardo Gurriarán e Xurxo Martínez González.

Xa pola tarde terá lugar a primeira das mesas que levan por título “Militancias transnacionais” e estará moderada por Mari Paz Balibrea. Nela participa Manuel Aznar Soler, da Universitat Autònoma de Barcelona, que ofrece un relatorio titulado “Vicente Llorens e o exilio literario republicano de 1939”. Despois, Bárbara Ortuño, da Universitat d’Alacant, tratará as “Exiliadas da segunda xeración. Tensións políticas intrafamiliares na comunidade española da Arxentina dos setenta”. Pecha esta mesa Giulia Quaggio, da Universidad Complutense de Madrid, que ofrece un relatorio titulado “A socioloxía como ciencia da crise. As redes do exilio en América Latina e a reconciliación democrática tras a caída da Europa nazi-fascista”.

O primeiro día remata cun concerto a cargo do guitarrista Samuel Diz, que interpretará pezas de compositores exiliados por mor da Guerra Civil como son Jesús Bal y Gay e Xesús Dopico.

O Congreso remata o venres con dúas mesas. A primeira delas está encamiñada a ofrecer unha ollada de futuro. Giulia Quaggio será a moderadora e nela participan: Manuel Artime, da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), que falará das Españas do exilio; Mari Paz Balibrea, da University of London, ofrecerá un relatorio titulado “Renuncia á identidade e imaxinación posnacional na obra de Josep Solanes”; e Pablo García Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela, que tratará o legado do Laboratorio de Formas de Galicia.

A terceira e última mesa leva por título Legados culturais e modera Manuel Artime. Conta coa presenza de Jorge de Hoyos Puente, da UNED, que abordará os legados institucionistas no exilio republicano; Teresa López, da Universidade da Coruña, que e “(Re)creando comunidade: o teatro galego en Bos Aires, entre a emigración e o exilio” e por último, Eva Moreda, University of Glasgow, que trata o “Diálogo interxeneracional e memoria na España posfranquista. O Libro de cantares de Julián Orbón”.

A conferencia de clausura corre a cargo do historiador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé M. Núñez Seixas, que leva por título “Os exilios republicanos no mapa do antifascismo do século XX”