NOTICIA

----

Expertos destacan en San Simón a importancia cultural e histórica do exilio

Os legados artísticos, musicais, literarios, políticos e históricos que deixaron as personalidades que se tiveron que exiliar analizáronse ao longo do día de hoxe no congreso “Legados dende a dislocación. Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil” que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) en San Simón. “A situación actual da guerra da Ucraína ponnos na sensibilidade de recoñecer a importancia dos exilios e a necesidade da súa análise” afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración. A cita remata este venres cunha conferencia de clausura a cargo do historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, logo dun percorrido a través dos legados culturais.

“Temos moitas aprendizaxes no exilio e moito máis co momento actual que nos toca vivir” asegurou Pablo García, coordinador desta cita que busca prestar atención tanto ás formas de inserción das persoas exiliadas nas sociedades de acollida mediante varias formas de militancia, como aos legados culturais que deixaron durante o tempo no desterro e, finalmente, aos futuros que imaxinaron dende as súas propias circunstancias.

O historiador e expresidente do CCG, Ramón Villares, foi o encargado da conferencia de apertura que ofreceu, en clave “galeuzcana” un relato da conexión do exilio co período de transición democrática. A súa intervención partiu da coñecida como comisión de “Os nove”, constituída pola oposición antifranquista que chegou a unha serie de acordos e pactos con Adolfo Suárez, para trazar un percorrido histórico que o levou desde a Guerra Civil do 36 ata o presente. O seu relato estivo construído a través da figura de recoñecidos exiliados que representaron a aspiración de construir dun modo diferente a idea de España. Debullou algúns dos fitos que condicionaron a actual organización territorial e explicou a diversidade político-territorial así como a desigual fortaleza entre os exiliados galegos, vascos e catalans que considerou clave para reconstruir a actual situación española.

A xornada do venres
O Congreso remata o venres con dúas mesas. A primeira delas está encamiñada a ofrecer unha ollada de futuro. Giulia Quaggio será a moderadora e nela participan: Manuel Artime, da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED), que falará das Españas do exilio; Mari Paz Balibrea, da University of London, ofrecerá un relatorio titulado “Renuncia á identidade e imaxinación posnacional na obra de Josep Solanes”; e Pablo García Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela, que tratará o legado do Laboratorio de Formas de Galicia.

A terceira e última mesa leva por título “Legados culturais” e modera Manuel Artime. Conta coa presenza de Jorge de Hoyos Puente, da UNED, que abordará os legados institucionistas no exilio republicano; Teresa López, da Universidade da Coruña, que e “(Re)creando comunidade: o teatro galego en Bos Aires, entre a emigración e o exilio” e por último, Eva Moreda, University of Glasgow, que trata o “Diálogo interxeneracional e memoria na España posfranquista. O Libro de cantares de Julián Orbón”.

A conferencia de clausura corre a cargo do historiador e vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé M. Núñez Seixas, que leva por título “Os exilios republicanos no mapa do antifascismo do século XX”.

De Florencio Delgado ás militancias transnacionais
A condición de exiliado de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas puxo enriba da mesa o descoñecemento do exilio republicano en México. Ana González Neira, Ricardo Gurriarán e Xurxo Martínez González contribuíron coas súas intervencións a ofrecer pinceladas máis precisas da literatura e a cultura impresa das figuras que, coma Delgado Gurriarán, estiveron nese país.
Na sesión do primeiro día tamén se abordaron a idea das militancias transnacionais. Mari Paz Balibrea modeurou unha cita na que se falou da figura de Vicente Llorens, do exilio literario republicano, do papel desenvolvido na Arxentina así como as redes do exilio de América Latina a cargo de Manuel Aznar Soler, da Universitat Autònoma de Barcelona; Bárbara Ortuño, da Universitat d’Alacant, e Giulia Quaggio, da Universidad Complutense de Madrid. O primeiro día rematou cun concerto a cargo de Samuel Diz, un intérprete e investigador da música na xeración do 27' e o exilio republicano español, que interpretou un repertorio moi acaído para a ocasion con pezas de Jesús Bal y Gay e Xesús Dopico.

O CCG e Redondela
Esta actividade insírese no marco do convenio asindo entre o CCG e o Concello de Redondela para desenvolver unha actividade anual relacionada co pasado histórico da illa, ben sexa medieval, ben sexa como lugar de memoria.