NOTICIA

----

A presidenta electa do Consello da Cultura Galega comparece mañá no Parlamento de Galicia

A presidenta electa do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, comparecerá mañá xoves na Comisión Cuarta de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia (10:30 horas). É o paso previo ao seu nomeamento, que será efectuado polo Consello da Xunta de Galicia e posteriormente publicado no Diario Oficial de Galicia. O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) reelixiu a Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) como presidenta o pasado 2 de xuño. A súa candidatura foi a única presentada e inicia o que será o seu segundo e último mandato.

O pasado 2 de xuño, o Plenario do CCG validou o proxecto presentado por Rosario Álvarez que manifestou o seu desexo de continuar cunha dirección non presidencialista marcada por unha xestión participativa que contribúa a activar a participación dos membros do Plenario xunto todos os membros do CCG implicados en Seccións, Comisións e Arquivos. A presidenta electa incidiu na necesidade de fortalecer internamente a institución e de reforzar a cohesión do sistema, procurando unha interlocución fluída con axentes culturais de diverso tipo. Ademais demandou a necesidade de ofrecer espazos de confluencia para a toda a sociedade nos que compartir reflexións, inquedanzas, balances, propostas de futuro, problemas e solucións, formación e divulgación de novo coñecemento, sempre arredor da cultura galega.

Rosario Álvarez comparece agora como presidenta electa no Parlamento de Galicia e o seu nomeamento será efectuado polo Consello da Xunta de Galicia. Trala súa incorporación oficial, o Plenario do Consello da Cultura Galega elixirá os membros da nova Comisión Executiva por proposta da presidenta.