Rosario Álvarez destaca o dereito á cultura na súa comparencia no Parlamento de Galicia

A presidenta electa do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, compareceu esta mañá na Comisión Cuarta de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia. É o paso previo ao seu nomeamento, que será efectuado polo Consello da Xunta de Galicia e posteriormente publicado no Diario Oficial de Galicia. Na súa intervención salientou que a acción da institución manterase fiel ao principio da cultura como dereito e da obriga de promoción da cultura propia. Defendeu unha xestión participativa do CCG e a necesidade de traballar a prol da cohesión do sistema cultural dunha maneira plural.

A presidenta electa expresou o seu agradecemento polo clima de diálogo institucional construtivo e positivo. Iniciou a súa intervención destacando que o programa previsto para o período 2018 e 2022 foi amplamente cumprido a pesar da pandemia. Insistiu que no seu segundo e derradeiro mandato continuará cunha xestión participativa que posibilitará unha maior implicación de todos os membros do CCG, é dicir, plenario, seccións, comisións e arquivos.

Obxectivos e programación
A presidenta electa explicou que nos vindeiros catro anos manteranse unha programación participativa, cun modelo que inclúe actividade presenciais, dixitais, exposicións, publicacións (impresas e dixitais), fondos documentais e difusión da actividade. Explicou as liñas de actuación a modo de decálogo para os vindeiros catro anos que buscan a vertebración e interconexión do tecido cultural galego. Nese sentido a programación do CCG buscará afondar na vía dixital para potenciar a estratexia de divulgación e comunicación; reforzar a marca do CCG, manter os arquivos e centros de documentación nos que ademais, procurará visibilizar os seus fondos fotográficos.

A presidenta electa puxo especial énfase en destacar a liña de informes e asesoría do CCG e a necesidade de captar novos públicos, con especial atención aos nenos e aos maiores.

A institución continuará a traballar pola cohesión do ecosistema cultural galego. Nos vindeiros anos prestarase especial atención á cultura de base en todo o territorio e a procurar vías e estratexias para chegar a outros públicos. Outra das liñas é o traballo a prol da internacionalización da cultura galega cun programa específico que contemple tanto accións a realizar en Galicia coma no exterior. Nesa liña incidiu na necesidade de que Galicia teña unha estratexia cultural clara e decida e que aproveite as redes que xa están creadas. Ademais, o CCG continuará a desenvolver a súa propia programación de Acción Exterior que contempla tanto a Galicia exterior, a cultura dos galegos e galegas residentes nela, coma a difusión da cultura galega a estes e a outros espazos de interese estratéxico.

Ademais, a nova lexislatura virá marcada por unha efeméride moi destacada como son os corenta anos da creación da institución, para o que anunciou o deseño dunha programación propia específica. Nese sentido apuntou que será unha ocasión para abrir unha nova etapa de madurez e plenitude, para unha institución que “debe aspirar a ser recoñecida como institución de referencia no tocante á defensa e promoción da cultura galega para todos os galegos e galegas onde queiran que estean”.
Na quenda de intervencións, os voceiros dos diferentes grupos parlamentarios trasladáronlle os parabéns pola reelección, así como polo seu proxecto, no que destacaron tanto a súa xestión participativa coma a súa capacidade para cohesionar a cultura galega máis o intenso labor de asesoría.

Proceso electivo
Trala súa comparecencia no Parlamento terá lugar o seu nomeamento, efectuado polo Consello da Xunta de Galicia e posteriormente publicado no Diario Oficial de Galicia. Trala súa incorporación oficial, o Plenario do Consello da Cultura Galega elixirá á nova Comisión Executiva.