O legado educativo de Pedro Murias centra a nova entrega do especial Historias de ida e Volta

A vixésima entrega do especial Historias de ida e volta está dedicada á figura de Pedro Murias, emigrante destacado pola súa acción filantrópica no eido educativo. Este proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, fai un repaso en vinte imaxes e documentos que se gardan no AEG do legado desde home no qeu destaca a pioneira escola agrícola que leva o seu nome.

Pedro Murias (Devesa, Ribadeo, 1840-A Habana, 1906) foi un emigrante de orixe humilde que emigrou a Cuba onde amosou o seu talento como home de negocios no sector da industria do tabaco. Comezou sendo aprendiz de oficio nos “chinchales”-talleres artesáns con poucos operarios-, ata se converter nun experto torcedor de tabaco. Chegou a ser fabricante e propietario de grandes extensións de terra dedicada ao cultivo de tabaco, minas de ferro e cría de gando. Pedro Muras diversificou os seus investimentos en diferentes sectores: transporte marítimo costeiro, inmobiario, fabricacion de cervexa....

A escola agrícola
A figura de Pedro Murias non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado deixado na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino que levaría o seu nome: Escola Agrícola Pedro Murias. Foi un centro pioneiro, enfocado a abrir o acceso e abano de posibilidades para os rapaces da Devesa. O ingreso na escola garantía a experiencia directa do alumnado nos labores do agro e os coñecementos prácticos ían engarzados de xeito directo cos teóricos. Esta metodoloxía facía que a aprendizaxe se consolidase sobre os terreos dedicados a tal fin, seguindo de xeito directo todos os procesos, desde a composición e preparación da terra, plantar as sementes, sistemas de rego e drenaxe, ata a colleita dos froitos. En canto á cría dos animais, o seu manexo nas granxas, alimentación e aproveitamento tamén formaban parte do proceso ensino-aprendizaxe do alumnado. A construción da escola consta financiouse tal e como Murias deixou escrito no seu testamento.

Nesta entrega, que fai a número vinte, pódese reconstruír a súa historia a través de imaxes del, de negocios seus como Le Meridiana, e mesmo unha fotografía do seu testamento.Nela pódese ler que destina os cartos para a construción da escola “para contribuir al mayor adelantamiento agrícola de mi patria”. No especial hai imaxes tanto do proceso de construción do recinto escolar que levou o seu nome coma do monumento que lle dedicaron.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 18 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.