NOTICIA

----

Nigrán acolle unha xornada dedicada ás xentes do mar

O 25 de xuño é o Día das Xentes do Mar, unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG), a Unidade de Cultura Científica do CSIC e o concello de Nigrán celebrarán de xeito conxunto cunha xornada. A lonxa de Panxón deste concello pontevedrés acollerá unha conversa entre dúas persoas moi vencellada so mar como son a pescantina Laura González, e o coñecido influencer defensor da sustentabilidade da pesca, Rogelio Santos Queiruga, xunto coa científica Luisa Iglesias García. A xornada é de balde e aberta ao público.

Luisa Martínez, responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia é a coordinadora desta cita que busca fomentar o debate sobre o estado da pesca, a sustentabilidade, a conservación da biodiversidade ou a aparición de especies invasoras, a través da traxectoria profesional das persoas de diferente perfil que dedican ou dedicaron a súa vida ao traballo no mar.

Esta actividade, programada dentro das festas locais, forma parte do proxecto “Ciudad Ciencia” que mantén o CSIC para que os cidadáns de localidades máis pequenas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica.

Outras noticias que che poden interesar