NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega colabora na sétima edición do Ribadeo Indiano

Ribadeo é unha das vilas galegas nas que o legado dos indianos -os emigrantes retornados da América ao longo do século XIX e XX- permanece visible a través da súa arquitectura. Un pasado histórico que se recupera cada ano na festividade “Ribadeo indiano” coa que colabora o Consello da Cultura Galega (CCG) a través do Arquivo da Emigración Galega (AEG) con diferentes actividades. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, é tamén a pregoeira desta edición.

A presidenta da institución participa o venres 8 de xullo na inauguración xunto co alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, o cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, e Francisco Miguel Iriarte, presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos. A inauguración terá lugar no teatro da vila, o mesmo espazo no que a presidenta lerá o seu pregón.

No marco do programa desta festa, o CCG colabora con “As mulleres galegas na emigración”, unha exposición que trae á memoria voces femininas da diáspora. Relacionado con este proxecto, a técnica do Arquivo da Emigración Galega, Carolina García, presentou o pasado martes 5 de xullo a entrega do especial “Historias de ida e volta” que leva por título “As mulleres galegas na emigración”. Un especial web que visibiliza fondos pertencentes ao AEG e que nestes número se centra na historia de mulleres emigrantes como Andrea López Chao, Anisia Miranda, A bella Otero, Sofía Casanova ou Maruxa Mallo.

Non é a primeira vez que o CCG participa nesta festividade, alén do proxecto de recuperación de fondos fotográficos e documentais que está permanentemente activo, en 2020 a institución elaborou un roteiro que axuda a percorrer esta vila lucense a través dos edificios indianos. Ademais, recuperamos e puxemos en 360 grados un dos exemplos máis curiosos de representación plástica dedicada á memoria da emigración. Un mural que se conserva no comedor dunha casa en Ribadeo cuxos propietarios nos abriron as portas para retratalo e visibilizalo en 360. Unhas imaxes que permitiron a recreación que se pode ver estes días no marco do Ribadeo Indiano.