----

O ciclo "Analizando a arte" revisa o compromiso artístico de Arturo Souto

Arturo Souto Feijoo (Pontevedra, 1902- México D.F., 1964) foi un dos artistas máis destacados e innovadores da chamada xeración de “Os renovadores”. Sobre a súa traxectoria e o compromiso social da súa obra afonda a xornada deste mércores do ciclo “Revisando a nosa arte”, co que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa mensualmente a traxectoria de personalidades destacadas da nosa arte. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e as redes sociais da institución.

Ramón Rozas é coordinador e relator desta xornada na que participan María Díaz Rey, profesora e comisaria de exposicións, e Paulo Porta Martínez, catedrático de Debuxo no IES Xelmírez I de Santiago. A sesión arrinca cunha aproximación á biografía e obra do pintor pontevedrés, despois analiza a temática social nas súas pinturas e, como remate, ofrecerase unha análise polo miúdo dun dos traballos máis sobranceiros e comprometidos, e ao tempo menos coñecidos, como son os seus Debuxos de guerra.
A súa biografía
Arturo Souto Feijoo (Pontevedra, 1902- México D.F., 1964) é un dos máis interesantes creadores desa xeración inesquecible e irrepetible da nosa arte que foron 'Os renovadores' da pintura galega, integrada por nomes como os de Laxeiro, Colmeiro, Maside ou Torres, que situaron a nosa arte ombreiro con ombreiro cos diferentes movementos artísticos de vangarda das décadas iniciais do século XX, mantendo sempre un firme elo coa identidade galega, que converteron en boa parte das súas obras na cerna das súas miradas.

Foi unha das figuras máis relevantes, tanto polo desenvolvemento plástico da súa obra como por un itinerario vital que, ata a sublevación militar de 1936, se vencellou dende Galicia a Madrid, pasando por Roma ou París, para iniciarse no coñecemento da arte e ambientes daquel momento; como despois da Guerra Civil, para pasar case vinte anos no exilio mexicano, despois da súa participación activa en defensa da República e como membro da Alianza de Intelectuales Antifascistas.

Artellou unha plástica única, unha canle de comunicación e comprensión da realidade que singularizou a súa obra ata chegar a conformar o que en 1936 Jean Cassou definiu como “unha escura ledicia sonora”.

Revisando a nosa arte
A sección de Artes e Creación Visual Contemporánea puxo en marcha no pasado mes de marzo” Revisando a nosa arte”, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Iso implica afonda na renovación do Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundou Arturo Souto, Laxeiro, Manuel Colmeiro ou Maruja Mallo, e se enriquece nas seguintes décadas con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e traxectorias. A cita comezou cunha análise á figura de Carlos Maside e seguíu despois coa figura de Laxeiro.

Sección de Creacións Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Luís Rosón, Ramón Rozas, Carmen Neira, Miguel Fernández-Cid, Carmen Díaz, Paula Cabaleiro e Jesús Pastor.