O Consello da Cultura Galega e o Museo Larreta exhiben en Bos Aires un retrato completo da obra plural de Luís Seoane

Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979) naceu coa marca gravada da emigración, impresa polos seus pais que se asentaron na capital Arxentina. Décadas máis tarde engadiu a do exilio, que o levou de Galicia á súa cidade natal, reconvertida nunha da capitais da arte contemporánea. Ese dupla ancoraxe xeográfica e cultural influíu nun Seoane viaxeiro, en permanente busca creativa e experimental sempre marcado pola teima de achegar a cultura á cidadanía. O relato completo do polifacético creador pódese ver en Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina que inaugurou este xoves a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a directora xeral de Patrimonio, Museos y Casco histórico da Ciudad de Buenos Aires, Martina Magaldi; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora do museo Larreta, Delfina Helguera, coa presenza de Silvia Dolinko, comisaria da exposición xunto con Pablo García Martínez, máis numerosas autoridades e personalidades locais. A mostra estará aberta ata o 27 de novembro no Museo de Arte Español Enrique Larreta.

“Nesta mostra levamos ata a capital porteña obras que nunca se viron alí e facémolo para que dialoguen con outras pezas que repousaban en Arxentina para que nos axuden a ter o relato completo da esencia do artista: pluralidade, materialidade e experimentación principalmente” apuntou Rosario Álvarez na inauguración dunha mostra que amosa un diálogo inédito entre a obra do seu propio autor. A exposición, adiada pola pandemia, é froito do esforzo e da colaboración institucional que permitiu xuntar preto dun centenar de pezas no Museo de Arte Español Enrique Larreta en Bos Aires. Martina Magaldi, directora xeral de Patrimonio, Museos y Casco Histórico da CABA, destacou que a mostra “subliña o contacto cultural entre Galicia e Arxentina a través do quefacer deste gran artista que abordou múltiples soportes e disciplinas, en ambos dous países”. Pola súa parte, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que Seoane “foi un exemplo de como nos mimetizamos co país que nos acolle, sen nunca esquecer a terra e nunca perder as nosas raíces, transformándoas cos tempos para construír a Galicia moderna que hoxe coñecemos”.

Durante o tempo que a mostra permanecerá aberta está previsto un programa de actividades públicas que relacionará a obra do artista exhibida no museo e a súa contorna. Ademais, presentarase un catálogo bilingüe que incluirá textos dos dous comisarios máis os de Ramón Villares e Talía Bermejo, que afondarán no intercambio permanente da dobre nacionalidade de Seoane.

A exposición
“As catro décadas da traxectoria artística de Seoane estiveron marcadas ‒en palabras de Pablo García Martínez‒ por unha constante tensión entre as linguaxes modernas ás que tiña acceso na trepidante Bos Aires e a vontade de diálogo cunha tradición que pensaba inestable, aberta sempre á renovación e orientada a súa utilidade cara á construción do futuro”. Un resultado que se pode ver en Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina é, en palabras de García Martínez, “unha obra plural, atrevida e marcada pola enerxía de busca que plasmou en papeis, lenzos, madeiras, paredes, cerámicas ou libros un cidadán insigne desa parte da cidade moderna definida polo tránsito e o forzoso intercambio”. A outra comisaria, Silvia Dolinko recoñece que foi “un gran desafío propoñer un recorte dentro da vasta produción de Seoane” e que a selección de obra permite “comprender aspectos centrais do seu programa cultural, o seu compromiso intelectual, a súa vontade democratizadora da arte e o seu afán experimental dentro dalgunhas liñas da ampla modernidade do século XX”.

O relato construído por Pablo García Martínez e Silvia Dolinko a partir de 90 obras que están en diferentes institucións galegas (Fundación Luís Seoane, Fundación Penzol, Biblioteca Cidade da Cultura de Galicia) e arxentinas (Museo Nacional de Bellas Artes, Museo de Arte Moderno de Buenos Aires, Museo de Artes Plásticas Eduardo Sívori, Museo de la Emigración Gallega, Museo Nacional del Grabado, Colección Centro de Estudios Espigas - Fundación Espigas e Colección Archivo Taller Albino Fernández) está agrupado en tres bloques. No primeiro, titulado “O expresionismo ácedo”, amósanse obras coma Trece estampas de la traición (1937) e outras intervencións en revistas da época remarcando a súa postura antifascista, que permiten ver a tensión entre as diferentes abordaxes da figura humana que Seoane desenvolve na súa reposta aos contextos das décadas de 1930 e 1940. Forman parte deste bloque as tintas realizadas para tapas e ilustracións de libros, como os de Homenaje a la Torre de Hércules (1944) nas que o artista expresas unha figuración de inspiración clasicista, entre outras obras destacadas deste período.

Baixo “Imaxes modernas” agrúpanse carteis, estampas, pinturas, libros e revistas dos anos cincuenta, nas que dominan as relacións de formas, cores e liñas para concretar unha imaxe sintética e de impacto visual. Son obras en que materializou o seu constante imaxinario sobre tipos populares.

“Obra múltiple” é o bloque que permite ver as indagacións de Seoane respecto das relacións entre imaxe, forma, técnica e materia, trasladando ás veces as súas representacións dun a outro tipo de soporte. Son tapices, cerámicas, tapas de discos e obxecto múltiple nos que retomou técnicas e materiais tradicionais para concretar unha produción moderna. Se o interese por democratizar o acceso á cultura significou as buscas de Seoane, a circulación desta obra múltiple contribuíu a permitir que, máis alá do coleccionismo de elite, novos públicos puidesen adquirir pezas artísticas. A obra muralista de Seoane estará presente na mostra a través dunha reconstrución fotográfica realizada para a ocasión.
Espazo web
Co gallo da exposición, o Consello da Cultura Galega xunta nun especial web diferentes materiais arredor da figura de Seoane. Entre eles, dúas publicacións (a edición facsimilar de Fardel de Eisilado, con estudo crítico a cargo de Gregorio Ferreiro, Imaxes de Galicia, onde Seonae quere ofrecer un "fresco visual da historia de Galicia" a través de 72 xilografías. Reproducimos os textos en galego da edición príncipe bilingüe de Bos Aires de 1978. Ademais, en colaboración coa Fundación Luís Seoane, o CCG puxo en rede a correspondencia de Luís Seoane, cun conxunto de case 3000 cartas que permiten coñecer a vida do artista e as súas relacións humanas e profesionais.

Sobre Luís Seoane
Seoane constitúe unha figura versátil: pintor, gravador, muralista, deseñador gráfico, escritor e ensaísta, entre outras actividades culturais. Converteuse nun dos artistas máis completos de Galicia e no primeiro en dedicarse a diferentes medios de expresión dunha maneira aberta e contemporánea.

Nace en Bos Aires o 1 de xuño de 1910, fillo de emigrantes galegos que retornan a Galicia en 1916. Asentados primeiro na Coruña e logo en Santiago, onde Seoane estuda Dereito e se integra nos círculos culturais e artísticos e onde fai as súas primeiras exposicións de debuxos e augadas.

Por mor da súa actividade política exíliase en Bos Aires en 1936, onde conflúe cos exiliados da Segunda Guerra Mundial, que converteron Arxentina nun núcleo de efervescencia vital e intelectual de xentes de distintas procedencias e intereses comúns. Relaciónase con Horacio Coppola, Grete Stern, Clement Moureau, Attilio Rossi, Jacobo Hermelin e tamén con Carybé, Falcini, Torrallardona, Urruchúa, Castagnino, Colmeiro, Núñez Búa ou José Suárez, Asentado na capital arxentina, participa de distintas publicacións de corte político e vangardista, con incursións na ilustración, o debuxo satírico e o deseño gráfico. Alterna sempre a edición de álbums cos óleos. Desde a década dos anos sesenta vive entre Galicia e Arxentina, ao tempo que viaxa por todo o mundo para participar en exposicións, conferencias e outras actividades culturais. Morre na súa casa da Coruña o 5 de abril de 1979.