O novo especial de Proxector compila vídeos que afondan na renovación da educación

Creatividade, o ensino personalizado, o talento, a diversidade...son moitas e moi variadas as miradas sobre a educación. O novo especial de Proxector, iniciativa que desenvolvemos coa USC, compila vídeos de conferencias e proxectos que apuntan a mellorar o ámbito educativo.

O novo especial reúne pezas que reflexionan sobre reorientar o ensino para acadar un cambio necesario na sociedade. Os vídeos falan do potencial de incorporar á aprendizaxe a linguaxe audiovisual ou os recursos tecnolóxicos, da man doutras compoñentes esenciais como a empatía e a afectividade. Atoparás experiencias que inspiran e outras que invitan ao debate, poñendo o foco no alumnado e tamén no profesorado; alén da demostración, a través de todas elas, do poder da educación para transformar a vida das persoas e darlle ao planeta a oportunidade de converterse nun mundo mellor.

O proxecto
Proxector: audiovisuais en galego para a docencia é un espazo web dedicado a compilar, clasificar e difundir recursos audiovisuais que sirvan de apoio á docencia en lingua galega de diversas materias de bacharelato e de ensino universitario.

O proxecto orixinal foi deseñado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e botou a andar no ano 2015 no portal educativo Didactalia. En 2018 o CCG, a través do seu Centro de Documentación Sociolingüística (CDSG), súmase á iniciativa e comeza a participar de xeito activo tanto na súa coordinación como na edición de contidos. Cumprindo coas competencias que lle son propias no eido da preservación e difusión do idioma galego, o Consello da Cultura Galega acordou asumir tamén a custodia dos datos que foron compilados ao longo destes anos, que a partir de agora estarán ao dispor da cidadanía a través da páxina web institucional que estás a ver.

Os vídeos están clasificados segundo a súa temática, o idioma no que foron gravados ou subtitulados, e o nivel de ensino no que consideramos que poden ser empregados. A maiores, ofrecemos unha ficha descritiva coa información básica de cada recurso. Podes acceder aos contidos a través da busca libre e/ou os diferentes despregables que che permitirán filtrar os resultados segundo os criterios de clasificación antes citados.