NOTICIA

----

O II Festival de Filosofía de Galicia renderá homenaxe ás filosofas

A banalidade do mal, frase acuñada pola filosofa Hannah Arendt, abre en Compostela o programa da segunda edición do Festival de Filosofía de Galicia. Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) que mestura conferencias e espectáculos para convidar ao público a pensar e a facelo cun punto de vista distendido. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coa directora do encontro, Carme Adán, explicaron en rolda de prensa o programa, que este ano está dedicado ás filosofas. A cita desenvólvese en Compostela e como novidade, ábrese á cidade de Ourense onde están programados varios espectáculos.

Entre o 30 de setembro e o 2 de outubro, entre Santiago (Centro Sociocultural Santa Marta e A Casa do Taberneiro) e Ourense (Auditorio Municipal e Café Torgal) celebrarase unha ducia de espectáculos e conferencias que aúnan tres obxectivos: en primeiro lugar, superar a idea da filosofía como logos, como palabra, para deixar que se manifeste a través do corpo, da danza, do teatro e outras formas de expresión. En segundo lugar, achegarse ao pensamento feito por mulleres e repensar a importancia da súa contribución e o seu esquecemento na actualidade. E, en terceiro lugar, reivindicar a necesidade de entender a filosofía como un espazo sempre aberto e necesario para entender o contexto que nos rodea.

O programa
A cita arrinca o 30 de setembro no Centro Sociocultural de Santa Marta cunha mesa redonda na que participan destacados filósofos, como os galegos María Xosé Agra e Jorge Álvarez Yagüez xunto con Fina Birulés e Nuria Sánchez, que partindo da coñecida frase de Hannah Arendt reflexionarán sobre a identidade de xénero. Ese mesmo día terá lugar un espectáculo de poesía escénica titulado Vida útil de porcelana con Samuel Merino e Silvia Penas.

Outra frase doutra coñecida filósofa coma Simone de Beauvoir, Non se nace muller, chégase a selo, abre o marco de reflexión para que Carme Adán, Lourdes Méndez, Beatriz Suárez Briones e Concha Roldán, presidenta da Asociación Española de Ética e Filosofía Política, repensen sobre un aspecto tan de actualidade coma a identidade de xénero. Despois, Gena Bahamonde e Andrea Quintana poñerán en escena “Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos”, un espectáculo que definen como conferencia-freak en formato desbordado e no que propoñen expandir e traducir á linguaxe escénica a tese de doutoramento Sexualidades Des-generadas en la Práctica escénica contemporánea.
O día remata cun café filosófico que aborda a contribución das mulleres á filosofía. África López Souto e Zeltia Laya, con moderación de Diego Horschovski, estarán na Casa do Taberneiro para reclamar que na filosofía as mulleres foron ocultadas e invisibilizadas e destacar a necesidade de reivindicar a súa figura.

O festival medrou nesta edición e ampliouse ata Ourense, onde se desenvolverán máis actividades de carácter lúdico. Dunha banda, no Café Torgal con dous espectáculos. Un de poesía escénica a cargo de Samuel Merino e Silvia Penas, Vida útil de porcelana e outro en forma de café filosófico con Quico Cadaval, moderado por Celia Pereira, titulado Pensar incomoda (como cando chove). Da outra, no Auditorio Municipal co espectáculo de teatro Si esto es un hombre, a cargo de Carlos Álvarez-Ossorio. Nel, o autor propón poñerse na pel de Primo Levi, deportado a Auschwitz en 1944 cando contaba con só 24 anos. Unha estadía na que escribiu o coñecido libro que dá nome a este espectáculo e cuxa experiencia revive para tratar de comprender o que pasou con Auschwitz e o que significa para nós, espectadores do século XXI, que este lugar existise no corazón de Europa a mediados do século pasado. Unha viaxe ao lado máis escuro do ser humano e do noso mundo contemporáneo.

Ademais, no marco do festival estrearanse as sophias, sete pezas audiovisuais breves que realizou o Consello da Cultura Galega, co apoio da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral de Igualdade.

Festival de Filosofía
O Consello da Cultura Galega puxo a andar en 2020 o I Festival de Filosofía coa intención de ofrecer unha forma de achegarse ao pensamento e á reflexión desde unha forma lúdica e atractiva. Na primeira edición reflexionouse sobre o concepto de liberdade desde diferentes ópticas e nomes recoñecidos, coma a sexóloga Valérie Tasso, a xornalista Lucía Taboada ou o columnista Rafa Cabeleira, reflexionaron sobre Tinder, o poliamor, o fútbol e as series de televisión.

Sección de Pensamento
A Sección de Pensamentos do Consello da Cultura Galega está coordinada por Celia Pereira e ten como membros a Juan Tallon, Xoán Antonio Pérez Lema, Marta Lois, Ramón Máiz, Francisco Castro, Mariló Candedo, Nieves Herrero e Luisa Martínez Lorenzo. Entre as actividades desta sección destaca o ciclo “Pensarmos”, que convoca cada cuarto xoves de mes a figuras relevantes do ámbito filosófico para repensar a actualidade. Ademais, no marco das actividades desta Sección está a revisión de personaxes destacados e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Simone Weil, Albert Camus, Hannah Arendt ou Karl Marx.