NOTICIA

----

A biografía de María Luisa Viqueira entra no Álbum de Galicia

A vida de María Luisa Viqueira López-Cortón (Bergondo, 1888-Cidade de México, 1974) foi un constante ir e vir, sempre moi vencellada á educación no que o seu home, Rubén Landa, e o seu irmán, Xohán Vicente Viqueira, foron figuras destacadas. Patricia Arias Chachero é a autora da súa entrada no Álbum de Galicia.

María Luisa Viqueira Lopez-Cortón estivo moi vencellada á cultura e á educación desde moi nova. Seu avó, Pascual López Cortón (1817-1878), foi un dos mecenas que patrocinou os primeiros Xogos Florais da Coruña en 1861 e que encargou a Francisco Antonio de la Iglesia a edición de El Álbum de la Caridad (1862), considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento galego. Criouse nun ambiente anegado de visitas destacadas e un gran respecto pola lingua e a cultura galega.

Casou con Rubén Landa, que axiña aproba as oposicións e pasa a ocupar a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Fray Luis de León de Salamanca. O seu home consegue unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudios bolsa e o matrimonio vive durante 20 meses en distintos lugares de Francia e Inglaterra. Regresa a Salamanca pero coa norte de seu irmán aproxímase a Madrid, onde viven a súa cuñada e os seus sobriños. Amigos de Unamuno, Antonio Machado e moitos outros nomes coñecidos da época, a súa entrada destaca a participación de María Luisa en proxectos pedagóxicos. “A guerra sorprende a María Luisa en Galicia, na praia da Lagoa, a cinco quilómetros escasos de Vixoi. Trasladárase alí coa súa cuñada, os fillos desta e outros nenos de familias republicanas para pasar o verán. Trataban de aproveitar o descanso estival cun pequeno experimento pedagóxico no que, ademais de baños na praia, as rapazas e os rapaces convivisen, repartisen as tarefas e se achegasen á vida dos campesiños galegos” asegura.

Co estoupido da guerra, ela fica en Galicia coidando da súa nai, mentres o seu home deseña no frente un método para ensinar a ler e escribir aos mozos republicanos analfabetos que estaban combatendo e colabora nas Colonias infantís de Villalgordo del Júcar (Albacete) onde tamén traballan as súas sobriñas, Luisa e Carmen Viqueira Landa, fillas de Xohán Vicente. Despois, Landa viaxa á URSS por mor do goberno republicano para asegurarse de que un grupo de nenos republicanos se afastasen da guerra e de aí inicia o seu exilio en México. Un país ao que chega María Luisa trala morte da súa nai. Alí, o matrimonio involúcrase na educación dos fillos dos exiliados españois. María Luisa morre nese país en 1974.


Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con 630 entradas e as máis recentes son as de Urbano Feijoo, María Luisa Pérez Soba, Daniel García Ramos ou Jaime Pacheco.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.