NOTICIA

----

O centenario da asociación do Partido de Corcubión en Bos Aires centra o especial Historias de ida e Volta

O 26 de agosto de 1922 un grupo de emigrantes naturais dos concellos do partido xudicial de Corcubión que residían en Bos Aires reuníronse para constituír unha asociación con fins agraristas e instrutivos. Nacía así a Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión, que continúa activa. A súa historia, os fitos máis destacados, así como a publicación que mantén, centra o novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos permiten coñecer esta sociedade de emigrantes que cumpre cen anos.

A Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión en Bos Aires chegou a contar con 5.000 socios na década dos 50, o que dá conta da importancia que tivo no ámbito da colectividade galega en Arxentina. Tivo entre os seus cometidos, a defensa e loita pola modernización da terra de partida pero tamén a protección e apoio mutuo ante as dificultades que atoparon no país de acollida. Conta o especial que “a partir dos anos 30, os socios gozaron de servizos gratuítos de asesoramento legal, asistencia médica e farmacia ou socorros económicos puntuais para os máis desfavorecidos. Sobre todo destaca a súa contribución á educación dos nenos e nenas da comarca, algo esencial para o seu porvir laboral e económico. Na asemblea de socios de xuño de 1929 apróbase un ambicioso plan para construír nove centros escolares, un en cada concello do distrito e o noveno en Bos Aires”. A Guerra Civil truncou o proxecto e só se chegaron a inaugurar catro escolas, cuxos edificios aínda se manteñen. Os catro pódense consultar no proxecto do CCG, As escolas da emigración.

Nesta entrega do especial pódese coñecer en vinte imaxes e documentos aos membros da directiva fundacional, a primeira escola fundada pola entidade na aldea Muxía de Nemiña, entre moitos outros acontecementos desta centenaria sociedade. Na súa historia houbo tamén desencontros que fixeron que ao pouco de nacer houbera unha escisión, que rematou en 1938 coa reunificación das dúas entidades. No especial permítese coñecer tamén o papel que as mulleres desenvolveron na organización de actos, unha acción que se canalizou desde a comisión feminina desta entidade.

O voceiro desta sociedade foi a publicación Alborada, que concedeu grande importancia á actividade: asembleas, actividades realizadas en Arxentina e Galicia, nómina de socios ingresados, noticias sociais, necrolóxicas, etc.. Mantivo tamén artigos de temática variada (hispanoamericanismo, emigración, notas históricas e sociais da comarca, actualidade arxentina, etc.), colaboracións literarias, artigos divulgativos e pasatempos. Gozaba de bastante presenza gráfica a través de ilustracións e publicidade. O Arquivo da Emigración Galega vén de subir 25 números desta publicación ao Repertorio de Prensa da Emigración que se pode consultar desde o sitio web do CCG.

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 20 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.