NOTICIA

----

Un ciclo de cine aborda as situacións de conflito a partir do territorio e a identidade

Nalgures é un ciclo de cinema e conversas que se achega a momentos de conflito a partir de conceptos como territorio, memoria e identidade. A proposta xorde como actividade paralela á exposición homónima de Narelle Jubelin (Sidney, Australia, 1960). É froito dunha colaboración entre o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Consello da Cultura Galega (CCG), que implica a presenza da fotógrafa catalá Anna Turbau, que retratou a transición en Galicia e cuxo fondo está en depósito no CCG.

O ciclo, dirixido por Natalia Poncela e coordinado por Gema Baños, arranca coa proxección do filme de Llorenç Soler Autopista, unha navallada á nosa terra. É un documental dedicado a unha das loitas populares que naqueles momentos era máis virulenta: a loita contra a construción da autopista do Atlántico. Haberá un coloquio posterior coa participación de Teresa Moure e Santiago Olmo.

O xoves proxectarase Antisalmo, un poema audiovisual baseado nun contestatario poema literario que o autor escribiu en Alemaña no ano 1968. Desde diversas ópticas e con protagonistas distintos, esta peza trata das relacións entre o poder e a Igrexa. Incorpora un poema propio que serve de vértice para unha montaxe en paralelo de imaxes fixas dun desfile militar e dunha procesión de Semana Santa, unha colaxe que certifica ese afán por tentear novas solucións formais. Ao remate da proxección terá lugar un coloquio no que estará presente Anna Turbau. A proposta remata o venres, cando se poderá ver Nación de Margarita Ledo, que estará presente no coloquio posterior con Teresa Moure.


A mostra
A exposición Nalgures subliña a atención de Narelle Jubelin (Sidney, Australia, 1960) sobre aquelas realidades que a linearidade da historia oficial esquece. Con esa vontade, abraza as subalternidades duns e doutros contextos, propios e alleos, para revisar memorias que nos permitan definir a nosa actitude diante deses feitos.

Nalgures (2022), The Housing Question (Helen Grace e Narelle Jubelin, 2019) e The Third Space (2012-2013) son as tres pezas fílmicas que forman parte da exposición Nalgures. As tres están fiadas pola artista coma se fosen tecidos, utilizando distintas capas interrelacionadas. Un deses fíos, que aparece constantemente, é a posta en valor do comunitario e do habitacional. Para iso Narelle Jubelin indaga en memorias individuais que sempre nos conducen á colectividade e á comunidade.

No marco da exposición inclúense unha serie de fotografías de Anna Turbau, a fotógrafa da transición en Galicia cuxo fondo depositou no Consello Da Cultura Galega. Unha proposta que remarca a vontade de Narelle Jubelin de escoller imaxes que nos devolven a unha realidade fragmentaria do contexto galego. Baixo o ollar de Turbau, foránea coma ela, tenta afondar nun conflito desenvolvido nos primeiros anos da transición democrática, cando o poder continuaba a ser caciquil, poñendo o foco na contestación popular á construción da autoestrada AP-9, onde están moi presentes conceptos como apropiación e usurpación.