NOTICIA

----

O Observatorio da Cultura destaca a presenza feminina no ensino artístico en Galicia

As ensinanzas vencelladas ao eido cultural (que abrangue desde as artes gráficas, artesanías, animación sociocultural, artes escénicas...) teñen unha presenza importante en Galicia. Así o afirma Ensinanzas do ámbito cultural. Setembro de 2022, o último Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo do dependente do Consello da Cultura Galega (CCG) que analiza a evolución deste tipo de ensinanzas na última década. O informe destaca que son estudos públicos, que a música ocupa un lugar prioritario e chama a atención sobre a proporción maioritaria de mulleres.

“En xeral, obsérvase que moitas das ensinanzas relacionadas coas profesións culturais teñen unha proporción maioritaria de mulleres. Constitúen máis do 90% do alumnado de danza e son maiorías nas artes plásticas” asegura o informe que fixa que a proporción é de sete de cada dez alumnos nos estudos superiores de artes plásticas e deseño e oito de cada dez nos estudos de conservación e restauración. “Dúas de cada tres matrículas na escola de arte dramática correspóndense con mulleres e algo máis da metade na totalidade das ensinanzas da música. As mulleres tamén son maioría entre o alumnado de practicamente todas as ensinanzas universitarias relacionadas coas profesións culturais” figura nas súas conclusións. O estudo dedica un apartado a analizar o profesorado, do que asegura que “o aumento experimentado na totalidade das ensinanzas do réxime especial nos últimos anos foi proporcionalmente superior no caso das mulleres”. E tamén hai diferenzas entre os sectores. Na danza son mulleres o 72,1% dos docentes, en arte dramática un 56,1% e en artes plásticas e deseño un 52,3%. En cambio, nas ensinanzas da música e nas áreas de coñecemento relacionadas coas ensinanzas culturais das universidades galegas, algo máis da metade do profesorado está composto por homes.

Do ensino xeral ao réxime especial
O Bacharelato na modalidade de Artes e de Humanidades, no marco do ensino de réxime xeral, o estudo amosa unha tendencia á alza ininterrompida nos últimos dez anos, pasando das 1.322 matrículas no ano 2010, ás 1.761 en 2020. Son 30 os centros que imparten este bacharelato e o 83,3% deles son públicos. O informe tamén sitúa a Galicia no quinto lugar en canto ao número de centros.

Hai diferencias notables nas distintas familias de formación profesional que se imparten en 239 centros (dos que 173 son públicos e 66 privados). A de imaxe e son amosa unha demanda importante por parte do alumnado, “especialmente os ciclos formativos relacionados cos audiovisuais e os espectáculos, que experimentan un crecemento xeral sostido de alumnos no últimos anos. No último ano de referencia, o total do alumnado dos ciclos superiores de Imaxe e Son sumaba 1.267 persoas” asegura o estudo. No tocante ás artes gráficas, que tamén conta cunha demanda importante, o alumnado matriculado nos ciclos formativos de grao básico, grao medio e grao superior, amosa en conxunto unha estabilidade. “Pola súa banda, o ciclo superior de Animación Sociocultural tivo nos últimos cursos unha evolución irregular, oscilando entre 164 e 219 as persoas matriculadas” conclúe o documento de traballo.

No réxime especial, que abrangue a todas as ensinanzas de artes plásticas e deseño, os estudos de música, danza, arte dramática e o mestrado en ensinanzas artísticas, hai unha preferencia moi evidente pola música, que conta con 7.914 alumnos e alumnas no ensino regrado. Aínda que o estudo revela que existe escasa variación nas cifras, e que segue a ser un estudo público (o 85,3% do alumnado), si que se aprecia un incremento do alumnado nos centros privados. O informe tamén destaca que o ensino non regrado da música supón o maior número de estudantes, con 14.409 alumnos e alumnas matriculados no últimos curso que é un incremento de 20 puntos porcentuais nos últimos dez anos. O resto de ensino presenta unha evolución irregular. O alumnado dos ciclos formativos de grao medio experimentou nos últimos dez anos un descenso do 45,7%, nos ciclos superiores aumentou lixeiramente ao tempo que nos estudos superiores (artes plásticas, conservación e restauración e deseño) mantiveron certa estabilidade.

Pola súa banda, os centros de ensinanzas regradas da danza contan con 332 alumnos e alumnas, o 90,5% nos de titularidade pública. Igual que no caso da música, aumentou o alumnado inscrito en centros de titularidade privada. A única escola de arte dramática que hai en Galicia, de carácter público, conta con 167 estudantes, un número que se amosou estable dende 2010.

Ensino universitario
Das tres universidades, é da de Vigo a que conta cun maior alumnado matriculado en titulacións relacionadas coas profesións culturais. Concretamente 1665 de grao e 273 de mestrado. A carreira con máis estudantes matriculados é a de Belas Artes, con 508, cifra que se mantivo máis ou menos estable dende o curso 2015/2016. A seguinte é a de Tradución e Interpretación con 453 estudantes matriculados, pero que sufriu un descenso sensible nos últimos anos. Séguelle a da Coruña, con 1529 alumnos de grao e 287 de mestrado. Os estudos de Arquitectura (652) e de Comunicación Audiovisual (275) concentran a maior parte da demanda. Destaca nesta universidade o grao de Creación Dixital, Animación e Videoxogos que é a terceira titulación máis demandada no último curso do que se teñen cifras e amosa un crecemento moi importante dende que se oferta. En último lugar, con 1514 estudantes de grao e 191 de mestrado está a Universidade de Santiago de Compostela. A titulación mais popular é Historia da Arte, pero as que máis crecen proporcionalmente nos últimos seis cursos son o dobre grao e Comunicación Audiovisual e o grao en Lingua e Literatura Galegas.

Fontes do informe
Para a elaboración do informe, o Observatorio acudiu ao Plan Estadístico Nacional. Os datos das ensinanzas artísticas do réxime especial e do réxime xeral proceden da Estadística de las Enseñanzas no universitarias, que elabora a Subdirección Xeral de Estadística y Estudios do Ministerio de Educación y Formación Profesional, en cooperación coas comunidades autónomas. Mentres os resultados relativos ao ensino universitario obtivéronse do Sistema Integrado de Información Universitaria (SIIU), información estatística elaborada pola Secretaría General de Universidades do Ministerio de Universidades.