----

Entréganse os XXVIII Premios Publicidade en Galego

O Parlamento de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Foro Enrique Peinador entregaron onte, 3 de outubro de 2022, na sede do Parlamento galego os XXVIII Premios Publicidade en Galego. Nesta edición, na categoría de televisión resultou galardoado o anuncio "Vai escampar", elaborado pola axencia Quattro IDCP para R Cable e Telecable Telecomunicacións. Na categoría de radio, recibiu o premio o proxecto "Abre na rede", tamén da axencia Quattro IDCP, neste caso para a Asociación PuntoGal. Na categoría de Internet, premiouse o anuncio "Treixadura-Modo Ribeiro", da axencia Nasas para o Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro. A campaña "A auga en Vigo é de alta calidade", elaborada pola axencia Ecovigo Publicidade para Aqualia, recibiu o galardón na categoría de prensa escrita. Pola súa parte, o CIFP Leixa de Ferrol foi galardoado na categoría de centro educativo polo seu proxecto "Cambio climático". A maiores, o xurado acordou por unanimidade outorgarlle unha mención de honra á empresa Sistemas de Seguridade A1, polo seu uso continuado do galego na comunicación publicitaria. Podes obter máis información premendo aquí.