NOTICIA

----

Unha publicación destaca o papel de Rof Codina en prol do agro galego e a súa divulgación

Juan Rof Codina definiuse como “un catalán de Galicia”. Chegou a Lugo moi novo e aquí desenvolveu todo o seu labor de coñecemento científico sobre razas autóctonas e a súa aplicación ao servizo da sociedade. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, destacou a súa “contribución decisiva na selección, mellora e promoción da vaca rubia galega, tan identificada culturalmente con Galicia e tan presente no imaxinario popular”. Canda ela, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema puxo de relevo que “transformou a veterinaria e particularmente a gandería”. Características que se poden coñecer a través da publicación Juan Rof Codina. Unha referencia na agricultura e gandaría galegas do século XX, que se presentou esta mañá na sede do CCG coa presenza dos autores e a familia do homenaxeado.

A Rof Codina debémoslle, en parte, a muralla de Lugo. Fixo os cálculos dos carros que serían necesarios para desmontar a pedra e fixo que na época no canto de tirala, se construíse fóra do recinto amurallado. É unha curiosidade dentro dunha carreira ateigada de méritos científicos e académicos tal e como recolle a publicación Juan Rof Codina. Unha referencia na agricultura e gandaría galegas do século XX, que elaboraron o CCG e a RAGC. Un libro que destaca que Codina traballou a reo na mellora xenética para impulsar unha raza autóctona para producir leite de calidade. Foi un publicista incansable, escribiu o seu primeiro artigo sobre a gandaría galega nun xornal lugués en 1899, ao que seguirían arredor de tres mil artigos.

A publicación
Antonio Rigueiro Rodríguez, coordinador da publicación, destacou no limiar o traballo de Codina na aplicación e na divulgación de novidades zootécnicas e de medidas de hixiene pecuaria que redundaron nunha mellora da gandaría. Pero tamén a creación dos concursos de gando, da organización de Festas da Árbore (creou a Sociedade de Amigos das Árbores), da divulgación das vantaxes dos seguros mutuos ou o intento de organización da profesión. E nese repaso polos seus méritos, tamén destaca que participou no ensino da Escola de Veterinaria de Santiago, que comezou no actual Instituto Rosalía de Castro de Santiago.

O académico da Real Academia de Ciencias Veterinarias, Diego Conde Gómez, destacou a súa faceta como referente na mellora agropecuaria galega. “Salienta a súa contribución á modernización do sector agropecuario en Galicia e á difusión do concepto de asociacionismo entre os gandeiros galegos, así como o seu impulso á profesión veterinaria en España” apuntou. Con todo, na súa opinión un dos aspectos máis importante da transcendencia do labor de Rof Codina é o carácter perdurable da súa obra. “O seu legado é da divulgación das ideas innovadoras do agro e da gandaría galega máis o seu empeño na reforma e modernización da ciencia en xeral e da veterinaria en particular. A este respecto, a mellora pecuaria dos seus traballos non se enmarca só na simple transformación morfolóxica do gando, senón que tamén incide nas condicións xerais e a loita contra as patoloxías” escribe.

Outra das características de Rof Codina foi a organización e a valorización da profesión veterinaria nun contexto no que a acción do Estado era aínda escasa. Por ese motivo na publicación recóllense dous artigos para abordar a profesión e a evolución do estudo. Un a cargo do tamén académico da Real Academia de Ciencias Veterinarias (ACVG), José Luis Factor Rodríguez, no que fai una análise da evolución da profesión de veterinario e reivindicou que o seu rol perante as enfermidades emerxentes debe ser cada vez máis determinante “xa que en moitos caso estes patóxenos teñen a súa orixe nos animais, como é o caso da COVID-19, a gripe aviar, a varíola do mono.... o que pon de manifesto que cada vez é máis importante a coordinación do traballo en equipo dos responsables da seguridade animal”.

O outro é de Alberto Manuel Portela Vázquez, tamén académico da ACVG, fixo un repaso pola evolución dos estudos de veterinaria en Galicia. Estudos que arrincan na escola de Veterinaria de Santiago, no e Pazo do Hórreo que arrincou no curso 1920-1921 con 116 alumnos e rematou con 16 en 1924, ano en que se converte o edificio en Cuartel e se suprime a escola. Tras ano de silencio, os estudos regresan a Galiciia en 1983, cunha facultade que se sitúa en Lugo con 665 inscritos.
A publicación remata cun texto de Laura Arias, secretaria executiva de ACRUGA, Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, sobre o papel que desempeñou Rof Codina sobre a raza bovina rubia galega que é, na súa opinión “un elemento clave para entender a economía, a cultura popular ou a vida diaria da nosa comunidade”. No seu artigo destaca o relevante papel de Rof Codina “no proceso de selección e mellora xenética da raza nunha historia que se remonta aos albores da protohistoria”.

O CCG e o Día da Ciencia en Galicia
Alén da presentación da publicación, que xa se pode descargar de balde desde o web do CCG, a institución contribúe ao Día da Ciencia en Galicia, coa actualización da entrada que Lourenzo Fernández Prieto fixo de Rof Codina. E coa inclusión de novos anexos que permiten completar o perfil do homenaxeado. Ademais, editáronse materiais divulgativos co gallo de dar a coñecer as figuras homenaxeadas dentro do Día da Ciencia en Galicia que a Real Academia Galega de Ciencias puxo en marcha en 2018.