As gravacións desta nova entrega do proxecto Voces centenarias que ofrecen a voz de María Casares e custodia o Arquivo Sonoro de Galicia proceden da Colección Guillermo Escrigas e do fondo propio da institución. O primeiro dos cortes é de 1957, cando a popular actriz realiza unha xira por América Latina co Théâtre National Populaire de Jean Vilar. Entre as cidades visitadas figura Bos Aires, onde comparte sentidas xornadas con persoeiros da colectividade galega. Pódese afirmar, con certo risco, que esta gravación de Nouturnio, de Curros Enríquez, foi rexistrada neses días. É unha declamación lenta, interiorizada e cunha sorprendente prosodia galega tendo en conta que a actriz deixou Galicia aos 14 anos. O segundo dos fragmentos é tamén desa xira e consiste no recitado de “Cántiga”, primeiro poema en galego de Curros Enríquez, que fala da emigración e da separación.
O terceiro dos cortes é de 1963, cando a discográfica CBS de Bos Aires edita o disco Amor divino. Amor humano, unha escolma de poesía castelá na voz de María Casares, acompañada polo coro Lagun Onak e a guitarra de Roberto Bergonzi. No vinilo aparecen unhas palabras de María Casares, que di: “Sempre me gustou imaxinar, concibir, preparar, elaborar un disco. Para un actor que traballa con esa materia cruel que é a fuxida do tempo, un disco responde en parte á nostalxia que sempre arrastramos connosco ao non poder realizar eses labores manuais que, se tamén son efémeros, ofrecen polo menos a quen os fixo un resultado concreto, independentemente dese labor do actor que está sentenciado a morrer cada vez que cae o pano”.
Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021 o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración... que axudaron a perfilar o noso pasado pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto comezou a andar con gravacións de Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga, Laxeiro e Osorio-Tafall.