NOTICIA

----

Unha xornada analiza o futuro dos medios en galego e en papel

Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel é o título da xornada que se desenvolverá este luns, 10 de outubro ás 09:45 horas, no Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, analizarase a realidade actual da prensa escrita en galego, así como a súa capacidade de resistencia e adaptación nun contexto marcado pola dixitalización e a crise económica. A iniciativa está coordinada por María Ángeles Rodríguez Yáñez e forma parte das actividades desenvolvidas pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG. A sesión é presencial, pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes da institución.

A chegada de Internet e das redes sociais mudou o panorama xornalístico a nivel global e local, obrigando á prensa escrita a afrontar cambios nos seus modelos de produción informativa, de xestión económica e de relación coas audiencias. Porén, malia o pulo dos medios de comunicación dixitais, en Galicia seguen existindo numerosos xornais, revistas e publicacións especializadas en lingua galega que continúan apostando polo formato papel. Representantes dalgúns destes medios e diversos expertos do ámbito académico debaterán nesta xornada cal é a situación actual e os retos de futuro que deberán abordar estas publicacións para garantir a súa supervivencia.

O programa
A sesión comezará cunha conferencia a cargo de Xosé López García, catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela, titulada A evolución dos medios escritos en galego dende o ano 2000, no inicio do século XXI, ata a actualidade. A influencia ou efectos da dixitalización na prensa escrita galega. A continuación, Julián Rodríguez Moscoso, director de Economía Digital, afondará na crise dos medios en papel e no desafío que supuxo adaptar o modelo de financiamento á dixitalización. A sesión continuará cunha mesa redonda moderada por Xan Carballa e na que María Obelleiro (Nós Diario), Luís Álvarez Pousa (Tempos Novos), Diego Elías García Puente (Terracháxa), Carlos G. Hervella (O Sil) e Guillermo Rodríguez Fernández (foro A Peneira) achegarán as experiencias de medios escritos en galego e debaterán acerca do rol que a prensa local ten en relación coa supervivencia deste soporte.

A actividade retomarase pola tarde coa conferencia O control da información na era dixital, a cargo do filósofo e escritor Ignacio Castro Rey, após da que haberá unha mesa de relatorios que versará sobre as publicacións especializadas en papel e o fenómeno dos fanzines. Coordinada por Ana Díez, nela intervirán Francisco Fernández Rei (A Trabe de Ouro), Alberte Sánchez (Cerna), Alejandro Nieves (Farlopa.Fanzine) e a profesora Marta Cortés, directora da revista Saldoira do centro educativo IES Martaguisela do Barco.

Sección de Lingua, Literatura e Comunicación
Esta cita está organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, coordinada por Carmen García Mateo e que ten como membros a Burghard Baltrusch, Renée DePalma, Elisa Fernández Rei, Víctor Fernández Freixanes, Xosé Henrique Monteagudo Romero, Carlos Pereiro, Mercedes Queixas Zas, María Ángeles Rodríguez Yáñez, Pablo Romero-Fresco, Eva Sánchez Amboage e Nel Vidal Barral. Entre as últimas actividades desenvoltas no marco desta Sección destaca a organización, con motivo da estrea do proxecto documental Aquí medra a lingua, dunha xornada para reflexionar sobre como se poden mellorar as prácticas de dinamización lingüística e compartir experiencias e metodoloxías de éxito.