NOTICIA

----

Responsables de medios impresos escritos en galego recuncan o seu compromiso coa información

As subscricións, os anuncios e a importancia de ofrecer valor informativo de proximidade son algúns dos piares que sustentan hoxe en día a prensa en soporte papel escrita en galego. Así o explicaron os responsables de diferentes proxectos empresariais que participaron na xornada Realidade e perspectivas de futuro dos medios de comunicación en galego en soporte papel organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración “a importancia deste tipo de encontros nun contexto complexo marcado pola dixitalización e a crise económica”. A responsable da sección, Carme García Mateo, apuntou que “necesitamos deste tipo de proxectos que xogan un papel prioritario”.

A prensa en papel escrita en galego caracterízase por ser “proxectos pequenos, que seguen resistindo grazas ás subscricións, aos anunciantes e tamén ao compromiso dos seus promotores” explicou María Ángeles Rodríguez Yáñez, coordinadora desta cita que puxo de manifesto a resistencia e o compromiso coa lingua e coa comunidade. A xornada comezou cunha intervención a cargo de Xosé López, catedrático de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela que explicou que malia os múltiples desafíos aos que a prensa escrita se está enfrontando no escenario dixital, “hai oportunidades para o papel e para os medios galegos en papel, aínda que hai que facelo mellor”. Nesa capacidade de mellora, salientou que “hai que escoitar, deseñar proxectos solventes e sostibles, garantir boas condicións profesionais, cultivar a implicación social e render contas, é dicir, ser transparentes”. O reforzo de marca, a diversificación e a aposta pola calidade, así como a busca de “novas audiencias, pero sen perder ás vellas audiencias” son aspectos que Xosé López sinalou tamén como esenciais para que os medios galegos se poidan manter neste novo escenario “de tantos cambios e tantas transformacións”.

A diversificación da oferta xornalística, xunto co aporte de valor no eido informativo, son as chaves de futuro que apuntou o xornalista Julián Rodríguez Moscoso. De feito, eses foron os piares para que o xornal que dirixe, Economía Digital, puidera sobrevivir. “Diferenciarnos e dar noticias distintas”, é dicir, “aportar valor informativo” foi a estratexia que seguiu este xornal e coa que se pretende “buscar como aportar valor ao que temos para poder monetizalo e ser viables”.

Despois dos relatorios de Xosé López e Julián Rodríguez Moscoso, deu comezo a primeira das mesas redondas da xornada, na que tanto María Obelleiro, directora de Nós Diario, como Fernando de Paz de Tempos Novos, subliñaron a importancia que teñen as subscrición como eixo fundamental para a supervivencia dos medios galegos en papel. A diferenciación dos contidos e a segmentación do mercado foi a idea que destacou Diego Elías, director de Terracháxa, para quen o futuro do papel “está complicado” e condicionado “á última rotativa que quede. Aí parará o papel”. O propio Elías apuntou tamén a importancia dos anunciantes para consolidar e manter estes proxectos. Con todo, Guillermo Rodríguez do foro A Peneira e Carlos G Hervella do Periódico O SIL apuntaron a un futuro escuro neste campo.

Xa na sesión da tarde o filósofo e escritor Ignacio Castro defendeu na súa intervención o control dixital da información e bosquexou un futuro pouco esperanzador. “Comparto o relativo optimismo por apostar por valores novos, por xerar comunidade e proximidade pero penso que nos puxemos a cousa moi difícil para retornar a unha lectura do galego que sexa algo máis que testemuñal” apuntou. A xornada rematou cunha mesa redonda coordinada por Ana Díez, na que interviron Francisco Fernández Rei, de A Trabe de Ouro; Alberte Sánchez de Cerna; Alejandro Nieves de Farlopa.Fanzine; máis a profesora Marta Cortés, directora da revista Saldoira do centro educativo IES Martaguisela do Barco.