----

Novos números do repertorio de prensa da emigración galega

Este mes de outubro o Repertorio de prensa da emigración suma novos números. Desta volta incorpora dez números editados polo Centro Betanzos de Bos Aires, dende 1935 ata a década dos 80. Foron doados polo señor Andrés Beade Dopico, unha figura senlleira da colectividade galega en Bos Aires na década dos 70 e 80 do pasado século. Ademais, súmase tamén un novo número (o 9) da revista Orzán, órgano oficial do Centro Provincial Coruñés.

O repertorio de Prensa da Emigración incorpora números de dúas publicacións do Centro Betanzos de Bos Aires. Dunha banda dous números publicados polo Centro Social Betanzos. Fiestas de San Roque, relativos aos anos 1935 e 1936. Esta publicación editouse cada ano, o mes de agosto, coincidindo coas festas do patrón de Betanzos, San Roque. De feito foi editada para conmemorar a súa festividade e para informar das diversas actividades organizadas pola entidade para celebrar estas festas tan senlleiras da vila galega. Aínda que está maioritariamente en castelán, conta con numerosas colaboracións literarias (Antón Zapata García, Ramón Otero Pedrayo, Francisco Vales Villamarín, Rodolfo Prada etc.) e tamén artigos sobre Betanzos e os persoeiros históricos da vila e de Galicia.

Da outra banda, desta mesma sociedade esta xeira do Repertorio incorpora oito números da súa publicación oficial. Revista del Centro Betanzos pretendía servir de vínculo entre os emigrantes betanceiros e a súa comarca natal. Informa das actividades realizadas pola entidade editora e outros temas de interese para os seus asociados. Inclúe numerosas colaboracións e artigos sobre temas galegos e especialmente de Betanzos: historia, nacionalismo, economía, lingua, educación, música, emigración, festas tradicionais etc. Por último, recolle información da actualidade do momento tanto de Galicia como da comarca de Betanzos.

Boa parte destes números chearon ao Arquivo da Emigración Galega por Andrés Beade Dopico, quen fora directivo do Centro Betanzos e director da publicación, ademais de directivo da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina e unha figura senlleira da colectividade galega en Bos Aires na década dos 70 e 80 do pasado século.

Nesta xeira tamén se incorpora un novo número (o 9) da revista Orzán, órgano oficial do Centro Provincial Coruñés, na que aparecen artigos e informacións sobre a entidade editora. Tamén abundan os traballos e as colaboración sobre Galicia e a súa historia, especialmente da cidade da Coruña e da provincia. Conta tamén con textos literarios, principalmente poesías, relatos, anécdotas e opinións de todo tipo.Este número foi doado por Marcelino Fernández Santiago.