O exilio da Guerra Civil ocasionou un éxodo sen precedentes da intelectualidade galega e a dispersión dun patrimonio artístico que tardou anos en ser parcialmente recuperado. Buscar un lugar onde depositar ese legado cultural e persoal foi un dos principais obstáculos que se tiveron que afrontar no regreso, ao seu lugar de orixe, das coleccións creadas na diáspora. Historiadores e diversos representantes de museos e fundacións analizarán o panorama museístico galego e as súas coleccións nunha xornada que busca abrir a porta a futuros proxectos relacionados coa conservación da memoria histórica.
O programa
A cita comezará coa conferencia Retornar, musealizar e conservar, a cargo de Inmaculada Real López, da Universidad Complutense de Madrid. A continuación, darase paso á primeira das sesións, que ten como fío condutor o papel chave dos museos monográficos para rescatar, poñer en valor e homenaxear a artistas relevantes do pasado. Participarán Silvia Longueira, Javier Pérez Buján e Natalia Fernández, directores das fundacións Luís Seoane, Laxeiro e Eugenio Granell, respectivamente. A sesión matinal concluirá coa historiadora e xestora cultural María América Díaz Pampín, que nos achegará ao labor que fan as galerías de arte a través dunha intervención titulada As galerías, a mercantilización e a apertura de espazos: a Galería Sargadelos.
A segunda sesión desenvolverase pola tarde e estará dedicada a analizar a presenza que os artistas do exilio teñen nos principais museos galegos, o proceso de integración nas coleccións e a súa presenza no discurso expositivo. Así, o historiador da arte Carlos López Bernárdez falará sobre a colección de ABANCA, após o cal intervirá a directora do Museo de Belas Artes da Coruña, Ángeles Pena Truque. Pola súa banda, Ángeles Tilve, conservadora do Museo de Pontevedra, e Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, afondarán na representación que a arte galega do exilio ten nestes dous centros. A sesión concluirá co relatorio Os artistas do exilio na colección do Museo Francisco Fernández del Riego, a cargo da comisaria de exposicións Beatriz Liz de Cea.