----

V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino

O Instituto da Lingua Galega, o Departamento de Didácticas Aplicadas e o Departamento de Filoloxía Galega da USC convocan as V Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no Ensino.

Nesta edición, que vai ter lugar o 18 e 19 de novembro de 2022 na Facultade de Filoloxía, reflexionarase sobre a competencia discursiva plurilingüe, presentaranse propostas didácticas e debaterase sobre retos e estratexias de adaptación aos novos escenarios educativos. Ademais, darase a coñecer o Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico, CORTEGAL, que inclúe mil textos anotados extraídos da pregunta de comentario das probas de lingua e literatura galegas dos exames ABAU.

O prazo de inscrición para profesorado de centros públicos e concertados remata o 30 de outubro. O público xeral ten ata o 12 de novembro para realizala. Máis información aquí.