NOTICIA

----

O ciclo De pioneiras e andainas homenaxea á filósofa María Xosé Agra

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) retoma mañá, 27 de outubro, ás 9:30 horas, o ciclo De pioneiras e andainas cunha xornada dedicada a María Xosé Agra. A través das súas numerosas publicacións e achegas, revisaranse décadas de andaina feminista en Galicia e apuntaranse os principais retos de futuro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita xunto coas súas coordinadoras, Carme Adán e María Xosé Porteiro. A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.

Catedrática de Filosofía Política, investigadora, creadora de redes feministas e profesora na Facultade de Filosofía da USC, a traxectoria de María Xosé Agra destaca polo seu férreo compromiso co pensamento e o feminismo. Dentro do CCG, deu forma a unha Comisión de Xénero que, co paso do tempo, se converteu no Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos. Co fin de renderlle homenaxe a quen foi a súa primeira directora, o CDIF organiza unha xornada en que, ademais da propia María Xosé Agra, intervirán investigadoras novas que seguen debullando as complexidades que rodean a filosofía feminista. No encontro participarán tamén algunhas persoas que, como Helena González, Ramón Máiz ou Ramón Villares, compartiron os tempos de tecer comunidades de acción e pensamento coa homenaxeada.
O programa
A xornada comezará coa sesión científica “Filosofar feminista: unha xenealoxía en movemento”, na que Carme Adán, directora do CDIF, pronunciará a conferencia “Lembrando a lección: apuntamentos para unha escoita feminista”. A continuación, a técnica do CDIF-CCG Mariám Mariño Costales presentará a Cartografía de María Xosé Agra Romero. A cita da mañá rematará coa mesa de relatorios “Os camiños abertos na investigación”, moderada por Cristina Caruncho, na que intervirán as investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela Xiana Huete, Iolanda Martínez e Natalia Paleo, xunto coa historiadora Raquel Fernández.

Pola tarde, Ana Romaní conversará con María Xosé Agra no marco da sesión de memoria “Documentación e activismo: un legado revolucionario”. Após este diálogo, Carmen Blanco, Manolo Dios, Helena González, Ramón Máiz, Bernat Ruitot Serra e Ramón Villares compartirán as experiencias vividas coa homenaxeada na mesa redonda “Creando comunidades, tecendo pensamento”. A xornada concluirá coa proxección de #Agra, unha das sete pezas audiovisuais que forman parte do proxecto Sophias, co que o Consello da Cultura Galega quere divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia da filosofía.

O ciclo
Esta cita insírese dentro dunha liña de traballo do CDIF que pretende poñer o foco en mulleres representativas da cultura galega e que arrincou en 2009 cunha revisión do legado de Xoana Torres. Tras dela chegaron María Wonenburger, Olga Gallego, Tereixa Navaza, Mabel Rivera, Pascuala Campos, Mercedes Goicoa, Elena Colmeiro e moitas outras mulleres sobranceiras en diferentes campos.

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos
A xornada está organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega, coordinado por Carme Adán e que ten como membros a Rosa Arcos Caamaño, Luz Darriba, Montse Fajardo Pérez, Paz Filgueira Paz, Inmaculada López Silva, Mariám Mariño Costales, Isabel Naveira e Luzia Oca González. Entre as súas actividades máis recentes destaca a organización do ciclo Literarias todas, un espazo de reflexión entre escritoras, axentes do espazo literario galego e o público lector que tivo como convidadas, na última xornada realizada en setembro, a María Alonso Seisdedos, Fina Casalderrey e Ledicia Costas. Así mesmo, o CDIF é responsable do Álbum de Mulleres, destinado a dar visibilidade e facilitar o acceso a información, imaxes, escritos, traballos e traxectorias de mulleres galegas ou relacionadas con Galicia.